COLE A COLE

Difusión de lendas

las3_result
photo_camera Escolares e mayores visitaron o Castro de San Cibrao de Lás e compartiron así unha fantástica actividade interxerenacional.

Escolares e maiores, os primeiros do CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira, e os segundos do Fogar Residencial San Amaro compartiron diversas actividades nas III Xornadas de Dinamización do Medio Rural

Dende hai tres anos, o Fogar Residencial San Amaro e o CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira, da mesma localidade, están a traballar en conxunto nun fermoso proxecto denominado Follas de Vida. O obxectivo desta iniciativa é dinamizar o medio rural a través de actividades interxeneracionais. Cada edición escollen unha temática, o ano pasado foron os oficios e nesta terceira edición foron as lendas. A III Xornadas de Dinamización do Medio Rural-Novembro Interxeneracional comezaron o pasado 9 de novembro, día no que nenos e maiores compartiron, no Fogar Residencial San Amaro, unha actividade denominada "As lendas aínda viven nos recordos". Foron os propios maiores os encargados de dirixir esta proposta xa que contaron lendas da zona coas que os cativos quedaron abraiados ao tempo que non perderon ningún detalle. A seguinte cita foi xa no centro de ensino de San Amaro, onde todos xuntos compartiron unha festiva xornada de Magosto. O día 23 de novembro foi a terceira actividade desta edición de Follas de Vida. Un experto recolleu lendas que se encargou de compartir cos nenos e cos maiores. Foi a actividade denominada "A Galiza encantada. Lendas e Mitos". 

A derradeira actividade desta edición das xornadas foi nun marco incomparable, no Castro de San Cibrao de Lás, baixo o título "Interpretando as nosas lendas". Nenos e maiores volveron a gozar dunha actividade conxunta que tan positiva é para todos. Mestras que para os maiores este tipo de propostas son do máis beneficiosas xa que lles aporta enerxía e fai medrar a súa autoestima, para os cativos é fabulosa xa que ademais de ser do máis enriquecedora, serve para romper algúns estereotipos e adquiren conciencia da importancia que teñen as aportacións que lles poden proporcionar as persoas maiores en todos os ámbitos do coñecemento.

Estes encontros do mes de novembro non son o único contacto entre nenos e maiores xa que ambos colectivos se reúnen en varias ocasións durante todo o curso. Así, tamén comparten actividades no Nadal, disfrázanse da mesma temática no Entroido e participan en actividades conxuntas que serven para estreitar lazos e non deixar de aprender os uns dos outros.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar