Opinión

Discurso do odio

Eis un documental ben interesante para que reflexionemos sobre o que adoita acontecer, con máis fecuencia do que se podería pensar, nas redes sociais. “Cuando la red no es social”  pretende poñer o foco nese discurso do odio que parece florecer no twiter ou no facebook. Trátase de discursos xenófobos, homófobos e machistas, que, obviamente, chaman bastante a atención a estas alturas.  Pode comprobarse isto facilmente. Basta un simple paseo polas devanditas redes para observar que, en efecto, hai moitos usuarios cun perfil anónimo que insultan e mesmo ameazan a quen colga un artigo ou unha opinión coa que se senten “atacados”. Un tal “yamogoke” -ese é o nome co que interactúa en twiter-, por exemplo, dille a Ana Pastor o seguinte: “yo se quien tu eres, pero tu no sabes quien soy yo. Voy a violarte anallmente para que disfrutes antes de morir. Te voy a matar!!!”. Recollo literalmente o que este individuo anónimo escribiu -maiúsculas e grallas incluídas- para reflectir nidiamente ao que se refire isto do discurso do odio, que, moi atinadamente, pon sobre a mesa o devandito documental. Pero aínda hai máis. 

Este tipo de impresentábeis tamén insultan directamente usando expresións como “malfollada” ou “feminazi”. “Eres una puta hembrista -le Ana, unha das entrevistadas no documental, e continúa- y te lo recordaré, si es necesario, hasta que revientes” . “(…) Hasta que revientes”? Pero en que clase de sociedade vivimos para que un tipo destas características aínda exista? Ante algo así, o estupor e a impotencia que podemos experimentar son grandes, pero non tanto como hai uns anos, pois, en certo xeito, afixémonos a este tipo de actitudes desprezábeis nas redes sociais. A verdade, xa non sei se é peor que alguén diga estas barbaridades ou que nós mesmas as teñamos xa normalizadas ata o punto de as pasar por alto dicindo iso de que “non paga a pena facer caso”, porque esa xente está tola. Tola? De tola nada! Hai que identificar a estes usuarios e denuncialos para que non poidan continuar atacando a outras persoas. Estou certa que nos levariamos algunha que outra sorpresa desagradábel, como a que se  levou outro entrevistado ao saber que un deses anónimos, decubertos pola policía, era un profesor de primaria. Alucinante? Si, bastante. 

De feito, chama a atencion que non se lle dedique máis tempo nas aulas de secundaria. Sobre todo sabendo, porque o sabemos, que o alumnado co que tratamos cada día, pasa bastantes horas diante dun ordenador ou do teléfono móbil. Moi recomendábel entón este documental. Recomendábel e necesario, pois, visto o visto, a urxencia dun debate fondo resulta evidente.

Te puede interesar