Agenda Cultural

Do Cervantes a El Pueblo coa foliada

IMG-20180706-WA0030
photo_camera As Damnificadas, coas súas pandeiretas, no festival Berra em Galego, en Bemposta.

As Damnificadas poñerán música á tarde do luns coas súas pandeiretas. Desde cantigas populares a temas de Alaska soarán no Casco Vello

Continúan as actividades culturais na cidade da man de VeránEarte, que grazas ao traballo de máis dunha trintena de asociacións reunidas baixo o nome de EsCuA, organizan eventos case todos os días, ata finais de agosto.

Este luns será a quenda da música e do baile, amenizado por As Damnificadas, unha vintena de mulleres, "máis amigas e amigos que se nos unen coas súas guitarras, ukeleles ou acordeón", explica Bea Cerviño, desta agrupación. "Cantos na Rúa!" arrincará no bar Cervantes, na rúa Vilar, ás 20,00 horas, para facer logo unha parada no Tarao e acabar en Pena Vixía, no Café Cultural El Pueblo.

"Animamos á xente a que veña: paseando polo casco vello, escoitando música, cantando, bailando e, sobre todo, pasándoo ben". En todo este percorrido, As Damnificadas irán acompañadas das súas pandeiretas e cantando cancións "que todos sabemos: facemos moitas cantigas populares, que Cristina Asenjo se encarga de buscar, e fai adaptacións. Pero tamén temos temas de Alaska e facemos un popurri de Raffaella Carrà", explica Cerviño.

O grupo de amigas que compoñen As Damnificadas leva facendo festa oito anos, participando na medida do posible en todas as actividades de EsCuA. "Só pedimos que nos ofrezan as facilidades para seguir tocando polas rúas e apoio para estas actividades sen ánimo de lucro".

Te puede interesar