A DO Ribeiro organiza un magosto a favor de Mirabal

O evento, denominado Visibilidade, conxugará o viño do Ribeiro con música e os proxectos de catro adegueiras.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro celebrará un evento solidario con motivo do Día Internacional da Non Violencia de Xénero (25 de novembro), en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e a Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. Terá lugar o próximo 22 de novembro, na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, a partires das 20,30 horas.

O evento, denominado Visibilidade, conxugará o viño do Ribeiro con música e os proxectos de catro adegueiras. Por elo, as adegueiras Xulia Bande (Son de Arrieiro), Iria Otero (Vinos con Memoria), Eva Bermúdez (Adegas do Rexurdir) e Duvi González (Adega Dona Elisa) comentarán os seus proxectos e vivencias persoais en canto ás adegas, e farán unha cata comentada con degustación dos seus viños.

Ademais todo isto harmonizarase cun magosto, así coma a música blues de BluBeats Dúo.

O evento solidario é a favor da Asociación Mirabal. A entrada será de balde e os asistentes poderán deixar un donativo.

Te puede interesar