CON TEXTO

Donas 20

Reflexións e diálogos de 20 autoras sobre das súas poéticas, entre elas miriam reyes, ourensá ainda que medrase na emigración venezolana

Leo con interese esta escolma, tan posible como outra calquera, de poesía –en español- escrita por mulleres. E que asinan Rosa García Rayego e Marisol Sánchez Gómez. En puridade non se trata dunha antoloxía propiamente dita mais uns “diálogos” que non é o mesmo aínda que o poida semellar. O certo é que cada conxunto de poemas, procedentes (¡feísima a palabra poemario!) dun libro ou non, van precedidos das reflexions das poetas sobre das súas poéticas. O que conforma/ confirma un conxunto interesantísimo do como e máis o por que do feito poético en cada unha delas. Xente relativamente nova a que aquí se atopa. Entre elas tres galegas; Isabel Fresco, de As Pontes de García Rodríguez, Graciela Baquero, de Galicia (así, ao grande, sen especificar) e Miriam Reyes, ourensá aínda que medrase na emigración venezolana. Xente nova pero da que xa tiñamos noticia desde hai anos: de Mercedes Escolano, unha das “deusas brancas” de Ramòn Buenaventura, por exemplo. Hainas ben coñecidas, así Aurora Luque, Raquel Lanseros, Vanesa Pérez-Sauquillo, Ana Merino, e outras a pelexar (ou non) por se facer cun posto no labirinto tan habitado, nos seus entobos e sombras, da poesía.

Tan pouco doado de explicar polas poetas como as mazás polas maceiras (que nada saben de botánica, tal como explicara Ortega, en frase xenial que recupera unha das dialogantes, e dialogadas). E poisque isto non é unha competición eu non vou indicar preferencias, mais dicir que levo días desfrutando da compaña destas donas (vinte para ser exactos e cadrar co título) debedoras/ citadoras de Alejandra Pizarnik, unas cantas, e tamén doutros poetas, homes, mulleres, camiñando pola corda frouxa da división de xéneros, tamen neste ámbito. ¿Escriben uns diferente das outras? Se cadra si. Certo que ata non hai moito había tamen neste espazo un mandato patriarcal que dificultaba aínda máis as cousas, Os tempos, así e todo teñen mudado desde aquela escolma de Castellet que se titulaba Nueve novisímos poetas españoles, cunha sóa muller, Ana María Moix, polo demais moi discutible poeta. En fin, que aquí teñen os lectores unha aposta moi persoal (das editoras) e chamativa para ver por onde van os tiros e dilucidar se aquí tamén hai xéneros.

Te puede interesar