Opinión

Dúas propostas en positivo

Non é un acontecer recente. Tampouco é algo que non se anunciara con tempo. Mais nada se fixo, ou mellor dito, dende as diversas administracións públicas  nada se aportou  para remediar  o tema  da despoboación do rural galego e a conversión dunha importante parte do sector primario en mato degradado, en silveiras e, en definitiva, en abandono.

Si houbo predicamentos e promesas como a do Sr. Feijoo, presidente da Xunta afirmando que esta lexislatura sería a do rural. Verbas valeiras de contido alomenos ata o momento.

O certo e que diante tal asunto, aínda que sexan poucas as iniciativas, xa hai  algunhas que son realidade e mesmo poden ser modelos a seguir. Claro, foron proxectos que iniciaron uns poucos veciños rompendo o individualismo e buscando ese modelo comunitario que sempre caracterizou o noso agro, e  que poderían ser un espello para moitos pobos e aldeas esquecidos que morren pasto do máis tristeiro abandono.

Veciños de Seixalbo, nas excursións culturais que fai a Asociación Cultural  Agromadas, tivemos a oportunidade de visitar un pobo, que levaba camiño de ser comido polas silvas.  Pois ben, nun pobo do  concello de Castrelo de Miño,  máis en concreto no lugar das Bouzas, os veciños foron quen de xuntar as súas terras e facer unha única finca de 30 hectáreas. Para iso chimparon os marcos e crearon a sociedade Solaina Minei que plantou un gran viñedo. E co apoio técnico e financeiro da consellería valorizaron o pobo asentaron poboación nel, crearon emprego e  teñen a viña en  pleno  funcionamento o que lles permite ser hoxe posiblemente a viña máis grande de todo o Ribeiro. Seguramente houbo atrancos, e os haberá, pero puidemos comprobar que a terra pode ser produtiva si se traballa con intelixencia. Alí probamos un viño delicioso chamado Nove Queipos e puidemos comprobar como se supera a estrutura do minifundio e se lle saca rendibilidade ó sector primario creando emprego e fixando poboación no que era un pobo que estivo a piques de quedar deshabitado. Todo un exemplo que debera ser potenciado desde a Xunta para o resto do rural galego. Seguindo  a viaxe polo Ribeiro coñecemos case ó Coto de San Cibrao, coa emblemática viña  Costeira dunha sociedade Cooperativa que, a día de hoxe, é a  industria vitivinícola de máis capacidade do Ribeiro. Con toda atención, soubemos da súa evolución e adaptación ós tempos nos seus cincuenta anos de vida, coñecemos moitas distintos procesos de elaboración, e probamos  uns magníficos viños, todos  de gran  calidade. A  cooperativa que ten arredor de 600 socios  a día de hoxe e recolle case a metade de toda a uva do Ribeiro, polo que é un dos principais motores económicos desa zona ourensá.

Estas dúas  iniciativas que nós puidemos ver, modelos asociativos vinculados ó sector primario,  son exemplos de como se pode salvar o noso rural para que este non se converta en casas derruídas e nun lugar sen habitantes cheo de mato e silveiras improdutivas.  E nisto ten moito que dicir  o poder político, pois debía incentivar,  potenciar e animar á superación do minifundio  con estruturas empresariais semellantes, e así  evitar a despoboamento  do mesmo para  darlle un futuro máis  esperanzador.

Te puede interesar