Opinión

É que imprecamos pouco

Estámoslles demasiado afeitos a lle rogar ós santos: que se os ovos a Santa Clara, pra que non chova o sábado que se nos casa a filla; que si o responso de San Antón, porque non sei ónde raios poñería as chaves; que si ai santa Bárbara bendita, que non trone como está a tronar...e, por aí seguido, pasámonos o día percorrendo o santoral. Facémolo cun mansedume contaxioso que se espalla polo noso sentir colectivo facéndoo dun xeito, máis sedante que sedutor, de modo que os santos, na convicción da túa absoluta devoción, acaban sempre por non nos facer nin caso.

Ás veces ós santos hai que imprecalos. Imprecar: expresarlle a alguén, con forza e firmeza abondas, o desexo de que pase algo malo; por exemplo, San Benitiño bendito, mala centella te coma se non me quitas as verrugas. Iso foi o que eu lle dixen ó da Barreira, ó San Benitiño da Barreira de Allariz, santo barbado, moi avogoso nese tipo de curacións. Pedinllo así, agregando o de bendito (unha de cal, outra de area) e sumándolle a oferta dun litro de aceite (que aproveitarían as curuxas, claro) un litro que aínda non lle levei non vaia ser que, recibida a paga, mas devolva.

Os galegos imprecamos pouco, somos escasamente ameazantes, e son moi escasas e esporádicas as causas que nos moven; logo e ademais, somos moi olvidadizos e non rescatamos da caixa das memorias aquelas reaccións quen nos proveron de dignidade cando non de beneficios. Quen se acorda xa do sucedido coa construción do encoro de Castrelo do Miño, quen das manifestacións que nos devolveron a dignidade dun Estatuto en pé de igualdade (case) co vasco e co catalán. Recórdeno os máis vellos da tribo: sucedeu cando centos de miles de persoas saímos a rúa imprecando ós que nos ofrecían un agravio comparativo insatisfactorio, e ruín, só por amolar e querer deixar constancia daquelo que se resume nun "eiquí mando eu".

Os galegos sómoslles tan só uns poucos centos de miles, uns trinta centos deles, non máis, e de aí a nosa escasa forza política. Esa forza, expresada en votos, sumada ó comportamento suplicatorio e nada imprecativo que xa quedou citado, non nos beneficia nada. No ano 79 do século pasado, convidado por Edmon Simeoni, o lider autonomista corso, asistín en Córcega a un congreso e coñecín poetas, pintores, músicos e activistas de toda índole relacionados politicamente (ou non) co líder que me convidara. Ou non, digo, porque, de feito, tamén coñecín a militantes da Fronte de Liberación Nacional Corsa (a FLNC), moito menos amigos do diálogo que Simeoni. 

O caso foi que o día da finalización do congreso celebrouse un acto multitudinario que non esquecerei mentres conserve a memoria. A sorpresa foi que nel e prá miña sorpresa, afeito como estaba e desgraciadamente aínda estou a tanta leiriña partidista, descubrín ós da FLNC entre a xente. Ós primeiros deles que pillei por banda, pregunteilles, non sen certa sorna morna, qué facían eles alí. Respondéronme que en París só sabían sumar e que así alí había dez mil corsos. O regreso contei isto no xornal, escribía eu daquela no Faro de Vigo.

Hoxe, corenta anos despois e lamentablemente, podo contalo nos mesmos termos que utilicei daquela. Pero agora podo, e debo, sumarlle as experiencias vividas. Se a reforma do Senado o tivese convertido na cámara de representación territorial que compensase ás autonomías coma a nosa, cunha escasa demografía, dándolle o peso político que nos corresponde e axudando así a equilibrar a nosa romana descompensada polas outras dúas nacionalidades históricas, outro galo nos cantara. E se a esa reforma se lle sumase a Administración Única, a mesma que se quixo reclamar por unanimidade dende o Parlamento Galego, se lle prestara a atención debida e houbésemos imprecado conxuntamente dende o noso Parlamento, outro galo nos estaría hoxe peteirando no pescozo espeluxado que lucimos. Pero no foi posible. Daquela eu era deputado independente no grupo mixto do Parlamento de Galicia e intentei, inxenuo de min, convencer a Beiras e a Camilo Nogueira da conveniencia de amparar ambas reclamacións. Saíronme con que si Fraga fora ministro de Franco, que si era publicidade e cinco ou seis reflexións máis todas dese mesmo tipo. A sempiterna leria do leirismo, da leiriña que quero tanto, a leiriña que eu plantei e que nos leva de cabeza a todos e cada un de nós.

É necesario, imprescindible, que os partidos políticos teñan concepcións distintas da gobernación e que a alternancia do poder corrixa os erros duns e afirme os acertos doutros, respectivamente. Pero así como é imprescindible que no Congreso dos Deputados a oposición non debe senón respaldo á política exterior e á antiterrorista do goberno, pese a pensar o que pense dela, en Galicia, no que atinxe a situacións como a presente, a resposta política debera ser unánime. E non o é. Lamentablemente non o é. E non o será mentres existan as listas pechadas e a nosa sexa unha partitocracia, Se imaxinan os lectores que, como acaba de suceder no Reino Unido cento e moitos deputados votaran contra o seu propio partido sen que ninguén se resgase as vestiduras? Vai sendo hora de que sexamos quen de dar unha resposta colectiva e firme, de que imprequemos ó goberno, sexa cal sexa este, advertíndolle que estamos eiquí, que somos quen somos, e que xa nos vai chegando.

Te puede interesar