Opinión

E se non tiveramos Estado?

Nestes tempos de crise global, mentres cumprimos o obrigado confinamento, os pensamentos bulen e as reflexións sobor de moitos temas son moi necesarias. Xa sei que as críticas a tempo pasado sempre acertan. Que criticar é moi sinxelo, mais dar alternativas xa é un chisco máis complicado, e gobernar contentando a todos os sectores sociais, moito máis. Tamén sei que os bulos e o querer estar nos medios obriga a lanzar mensaxes tóxicas que o enmerdan todo e que non axudan nada. Somos un Estado no que algúns sectores sempre traballan pra desfacer e non pra axudar. Mais fronte a todos estes atrancos, caben algunhas preguntas que deben ser contestadas, pois aclaran un chisco este panorama sombrizo que a todos nos tocou vivir.

A primeira cuestión é a referida a esas organizacións políticas que predican un liberalismo sen ataduras nin normas, que pensan que todo debe estar fora do Estado ou que o mercado e a oferta e a demanda o arranxan todo. Mais agora que veñen mal dadas, preguntan e claman polo Estado pra que os salve da maléfica pandemia e da desfeita económica que se aveciña.

Por iso, cando se calme o andazo, haberá moito debate sobor da necesidade de implementar e mellorar servizos públicos básicos e universais como a sanidade e outros. Con todo, moitos dos que agora reclaman que o Estado asuma todos os custes da crise, esquecen que cando gobernaron privatizaron boa parte da sanidade para convertila nunha empresa economicamente rendibel. E agora critican todas as medidas que se toman pra saír desta crise. Xa sei que son as contrariedades da política. 

 Esta pandemia que veu de alén das nosas fronteiras puxo en cuestión a nosa forma de vida e sacou a luz as nosas debilidades mermando moito as nosas confianzas no futuro. Por eso digo: e se non tiveramos Estado, e o falar de estado inclúo as CCAA, os concellos, etc., que acontecería diante unha crise semellante á que vivimos? Seguro que sería todo moito peor.

A segunda cuestión está relacionada coas moitas cousas que trocarán e terán que ser revisadas cando se controle este andazo. Primeiro será valorar se a UE é algo máis ca unha unión unicamente económica, ou unha que aspira a ser solidaria e política. Tamén se esa UE está pras duras e as maduras. Ou se esta unión só está pra ditar restricións relacionadas coa economía sen pretender chegar máis lonxe nesta Europa que forma parte dun mundo globalizado.

A terceira será ver os trocos que haberá nas relacións humanas, pois o modelo de traballo e relacións laborais, xuntanzas de masas, espectáculos e celebración culturais e sociais, e mesmo a demostración de afectos e saúdos, seguro que xa non serán os mesmos que houbo ate agora. Pois, en adiante haberá que convivir cun virus que estará presente nas nosas vidas moito tempo e sementará moitas desconfianzas entre nós.

Logo seguirán outras cousas como as políticas de seguridade, dado que as guerras xa non serán a cañonazos, pois chegará con lanzar un virus e xa está montada unha contenda bélica silenciosa que non sabe de fronteiras e mata a milleiros de persoas. 

Moito haberá que revisar cando afrouxe esta pandemia. Pero algunhas cuestións xa quedan moi claras: un estado forte é moi necesario para cubrir determinadas cuestións que se consideran básicas pra vivir. Vivimos en sociedade e o estado é peza fundamental pra facer fronte a crises como a presente. Dado que, sen a axuda dos servizos públicos e a solidariedade entre todos esta pandemia sería unha catástrofe moito maior do que xa é. E por último, todos, tanto cidadáns como empresas, cando veñen ben dadas, repudiamos ó pago de impostos pra manter ise estado, mais cando veñen mal dadas pedímoslle que nos axude. En fin, así é esta nosa sociedade.

Te puede interesar