Opinión

Economía e estratexias en tempos do Covid-19

A traxedia humana que implica o COVID-19 opaca tres feitos de importancia pra o futuro dun sistema cada vez máis cuestionado polos desastres ecolóxicos, o aumento da desigualdade social e entre territorios, e os conflitos; e como consecuencia: as migracións masivas, e os profundos contrastes demográficos. Refírome á vertixinosa caída do prezo do petróleo e ao afundimento das Bolsas, no ámbito económico; e ao fracaso da intervención de Turquía en Siria pra consolidar a división do país, o que houbera tido implicacións xeo-estratéxicas. 

Que baixe o prezo do petróleo era lóxico dende o intre que a actividade de China, o maior importador do mundo, viuse afectada polo coronavirus, e despois esta pandemia estendeuse a outros países reducindo a produción mundial e a mobilidade. A xuntanza da OPEP e outros estados exportadores pra rebaixar a extracción e manter o prezo non deu resultados positivos, xa que os intereses de Arabia Saudí e Rusia eran moi distintos. 

Ao final Riad optou por aumentar a produción e rebaixar o prezo, coa finalidade de premer a Rusia e botar do mercado a aqueles países onde o custe da extracción é maior. Isto afecta especialmente aos Estados Unidos, e outros produtores a partir do esquisto, cuxas compañías están en números vermellos. Arabia Saudí pode extraer a moi baixo custe, porén está realizando grandes investimentos en armamento e pra diversificar a economía, mais reduciu as reservas de divisas e tería problemas pra compensar o déficit orzamentario. Rusia sería a potencia que podería aguantar máis este reto, xa que ten unhas reservas monetarias moi superiores as dous competidores. 
Polo tanto, trátase dunha confrontación no ámbito económico e estratéxico, sen propostas de sistema alternativo, e que modifica o papel na cadea de valor de moitos países, tanto dos produtores  como dos consumidores de petróleo. Favorece a China e Europa, e pra os Estados Unidos implica conseguir enerxía máis barata, porén tamén deixar de ser un país exportador e perdería os seus mellores clientes de armamento. Ademais, non se pode ignorar que Washington ocupou nas últimas décadas zonas produtoras de petróleo, e con seguridade está disposto a facelo noutros países. Hai analistas que dan por feito que en poucos meses Arabia Saudí e Rusia poden chegar a un acordo. Quen cedera máis, esa é a cuestión.

O outro aspecto a ter en consideración é a derrota de Erdogan na súa pretensión de dar unha lección ao exército sirio, obrigándoo a retroceder nas zonas recuperadas da provincia de Idlib, ocupadas por milicias e organizacións terroristas (ligadas a Al Qaeda). Unha división, tanques e artillería masiva, así como a utilización de drons pra detectar e bombardear, tiveron algún efecto os primeiros días.  Porén, seica, foron neutralizados polos sistemas rusos de detención, cegando o armamento turco. Daquela, sería unha guerra gañada mediante a capacidade tecnolóxica, e polo tanto unha lección pra Ancara e a OTAN respecto do avanzado equipamento que posúe Moscova (non se trata só da disuasión nuclear).

A drástica caída das Bolsas debese a todas estas iniciativas, cambios e eivas, ás que cómpre engadir que hai tempo os economistas veñen alertando a inmensa débeda soberana, e a desorbitada especulación financeira. O billón de dólares do FMI, os 750 mil millóns de euros do Banco Central Europeo, e os 200 mil millóns comprometidos polo Governo central son medidas que poden axudar a recuperar temporalmente o PIB e as Bolsas. Porén as eivas e problemas de fondo seguiran vixentes e acadaran unha maior gravidade, máxime cando falta un proxecto a medio e longo prazo que os supere. Axudan neste sentido as mobilizacións populares en moitos países... Até que punto a traxedia do COVID-19 modificará o nivel de conciencia e estado de animo do povo?

Te puede interesar