Opinión

Elenco de egos

Alcohol, frustracións, sexualidade reprimida, miserias, etc. En “A noite da iguana”, o dramaturgo Tennessee Williams volveu a combinar o abano de ingredientes emocionais cos que estivera experimentando ó longo de toda a súa carreira. O director John Huston, no 1964, envolveunos nunha atmosfera sufocante de illamento, calor e humidade e, entre os dous, cociñaron unha obra mestra a fogo intenso.

O guión baseouse na obra do mesmo título que triunfara en Broadway coa gran Bette Davis de protagonista. John Huston foi moito máis alá e acadou un elenco de actores espectacular: Richard Burton, Ava Gardner, Deborah Kerr e Sue Lyon. Esta, como se dera a coñecer en “Lolita”, convertérase na icona da precocidade sexual. Pero todos estaban no máis alto da cinematografía. Huston, que sabía da popularidade das estrelas e de todo o barullo, de toda a barafunda que levarían consigo na rodaxe, optou por unha localización illada. Así é que a película fíxose na localidade mexicana de Puerto Vallarta, que, naquela época, era unha simple aldea de pescadores. Os actores instaláronse alí durante semanas para que asimilaran o estado emocional dos personaxes. Pero esa reunión de egos semellaba máis un volcán que unha xuntanza de traballo ou de amigos. Cóntase que John Huston, que era can vello, reuniunos e agasallounos cuns revólveres. “Dentro hai balas douradas nas que están escritos os nomes dos demais”, díxolles; “se as necesitades durante a rodaxe, usádeas, e así evitádesme problemas”. Por sorte, ninguén fixo uso das armas e aínda que o alcol fluía a pipotes, a rodaxe transcorreu con bastante ritmo e, grazas a esta, Puerto Vallarta converteuse nun centro turístico que cada ano que pasa vai a máis.

“A noite da iguana” ganou no 1965 os Oscars á mellor fotografía, mellor dirección artística e mellor actriz secundaria, para Dorothy Jeakins. Ava Gardner, emporiso, nin sequera acadou unha candidatura. Ganou, iso si, o premio á mellor intérprete feminina en San Sebastián, e hoxe todo o mundo está de acordo que neste filme realizou unha das súas mellores interpretacións en toda a súa longa carreira.

Te puede interesar