Opinión

Enrique Peinador Lines e a revista Nós

Onúmero 1 da revista Nós publicouse o 31 de outubro de 1920. Na cabeceira figuraba como director Vicente Risco e no equipo de redactores, entre outros, Ramón Cabanillas. A revista sería a peza fundacional do nacionalismo galego e instrumento idóneo para a construción das bases da identidade do país. Foi un intento de establecer un diálogo coas vangardas; un coloquio entre a tradición e modernidade que tiña que facerse necesariamente desde unha óptica nacionalista e monolingüe galega.

Este ano no que estamos celebrarase o centenario daquela publicación senlleira no seu xénero que deu nome a unha xeración de intelectuais que cultivaron as máis diversas disciplinas. Non lle poñía máis que unha condición aos seus colaboradores: “Que poden ser o que lles pete: indivisualistas ou socialistas, pasatista opu futuristas, intuicionistas ou racionalistas… Sempre que poñan por riba de todo o sentemento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos”.

A revista había pasar moitas vicisitudes. Deixou de editarse durante dous anos, entre os meses de xullo de 1923 e 1925. Vicente Risco, o “pidichón oficial da Causa”, escribíulle unha carta con data de 21 de maio de 1925 a Enrique Peinador, o filántropo e mecenas que ten unha actitude máis permeable ás demandas e os sentimentos da Terra, como califica Ricardo Gurriarán ao dono do Balneario de Mondariz, na que lle di: “Apelando ós teus sentimentos que compartes connosco, a prol da nosa Terra e da nosa cultura, quixeramos saber si podemos contar co teu apoio económico,e tamén de camiño, se ti, antre as túas amistades, nos podías proporcionar algún outro que se comprometera por un ano”. A resposta de Peinador foi decontado, entregándolle unha boa cantidade de diñeiro e procurando anunciantes entre os moitos clientes do Balneario.

Non era a primeira vez que Enrique Peinador Lines saía ao rescate de xornais galegos ameazados polas crises, como foi o caso do diario Galicia, segundo se desprende dunha carta do poeta Manoel Antonio. Amais destas axudas a medios de comunicación e institucións, como a Real Academia Galega e Serminario de Estudos Galegos, tamén conseguíu coas súas mediacións unha pensión digna para Manuel Murguía. Outro caso foi o de Ramón Cabanillas que malvivíu durante un tempo en Madrid e foi “rescatado” por Peinador Lines cara a finais de 1921, levándoo para o Balneario onde exerceu de relacións públicas e director da revista Temporada. Na imprenta do balneario editou boa parte da súa obra literaria. Foi, ademais edil do novo Concello de Mondariz-Balneario. Castelao tamén foi beneficiario do mecenado de Enrique Peinador, que lle encargou os cadros de cegos para decorar as estancias do hotel.

A publicidade inserida nas páxinas da revista Nós era de vario tipo: profesionais liberais, hospitais, droguerías, xastrerias... pero a de maior entidade os anuncios das Augas de Mondariz dunha alta calidade estética da autoría de Castelao e Cándido Fernández Mazas.

A dirección da revista tiña un código ético para a publicidade: “As páxinas de anuncios de Nós somentes se ceden ós industriais e comerciantes cuxos métodos comerciais cremos dignos e honrados. Se algún lector atopa falsidades ou métodos impropios do comercio, nalgunha das casas anunciadas nas nosas páxinas, estimarémoslles moito nos chamen a atención, porque non toleramos que se anuncie ningunha casa que non sexa seria”.

O feito foi que, despois da intervención de Enrique Peinador Lines para rescatar a publicación da críse económica que tivera, a revista incrementou o número de anunciantes grazas a súa mediación con moitos empresarios que eran clientes do Balneario. Un anuncio da propia editora, como agradecemento a unhas adegas, apelaba aos lectores: “Patriotas galegos! Pedide o viño tostado López Valeiras”. En idénticos termos diríxese varias veces ao ano o Foro E.Peinador - Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, demandando máis consumidores para os produtos galegos etiquetados na nosa lingua.

Grazas a Ricardo Gurriarán Rodríguez, o historiador que procura información debaixo das pedras, o Foro E. Peinador reconstruíu a biografía dun empresario decisivo no nacionalismo do primeiro terzo do século XX, “Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País”.

Te puede interesar