UNIVERSITAS

Enxeñeiros informáticos por vocación e empregabilidade

_gal01-1-_result
photo_camera Á esquerda: o secretario da ESEI Arturo Méndez, o estudante Diego Antón; a directora Ana Garriga; e o profesor Enrique Barreiro.

Asínase un convenio pioneiro entre a Universidade e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia para o recoñecemento académico da experiencia profesional

Probas de acceso á universidade superadas, a nota na man e unha dúbida: que estudar? A vocación é determinante, pero nunha titulación como a da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense as estatísticas tamén poden dar un bo empurrón. Así lle pasou a Diego Antón, agora alumno de mestrado, que hai uns anos dubidaba entre estudar Química ou Informática “e decidinme comparando as taxas de empregabilidade. Non hai color”. É a mesma situación pola que pasaron a maior parte dos seus compañeiros, quen á vocación sumáronlle informes como o do Ministerio de Educación sobre carreiras universitarias e saídas laborais, no que esta titulación aparece como a de maior taxa de emprego de toda Galicia, ademais de ser a única Enxeñaría Informática deste ranking nacional. Unha mestura de estatísticas e vocación que provocaron que o ano pasado a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense fóra de vacacións de verán con todas as prazas cubertas.

Cunha taxa de empregabilidade de case o 92%, a maioría dos recentemente titulados atopan un posto de traballo en apenas 2,5 meses, aínda que a metade comezan a súa vida profesional en menos de 30 días e unha parte deles incluso antes de graduarse. E séntense preparados para enfrontarse a unha realidade laboral na que o 78% dos traballadores do seu sector son indefinidos, aínda que as condicións non lles convenzan demasiado.

Convenio pioneiro
Nesa “vocación por mesturar o mundo universitario co profesional, coa realidade na que se vai mergullar o alumno”, como salientou o reitor Salustiano Mato, a Universidade de Vigo asinou co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) un convenio de colaboración para o recoñecemento académico da experiencia profesional que se poderá convalidar por créditos para as titulacións de informática. “Posibilita crear un mellor camiño para que os egresados teñan unhas perspectivas profesionais máis doadas se cabe”, recoñeceu Mato.

A Universidade de Vigo é a primeira das tres galegas e a segunda de España en aceptar estes certificados, tras a sinatura dun acordo coa Universitat Oberta de Catalunya o pasado mes de outubro. Santiago e A Coruña acollerán tamén nas vindeiras semanas este Certificado de Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais (CEPRAL) que “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter unha certificación da súa experiencia laboral en actividades propias da enxeñaría técnica informática para acreditar ante as empresas”, asegurou o presidente do CPETIG, Marcos Mata.

Estes certificados baséanse en perfís profesionais, dentro dos que agora hai habilitados e definidos 10 tipos, como administrador de bases de datos, xestor de proxectos ou administrador de redes, e xa se traballa para incluír novos perfís como desenvolvemento para dispositivos móbiles ou análise informático forense.

Como recordaba Francisco Javier Rodríguez, subdirector da ESEI, “supón unha nova ferramenta que nos permite valorar as competencias que traen os alumnos que xa teñen unha bagaxe”. Rodríguez aproveitou a sinatura do convenio para presentar tamén a certificación do sistema interno de calidade da Escola, “que valida os nosos procedementos e nos permite dar información pública aos cidadáns. Ademais, obríganos a analizar os datos cada tres meses e a buscar solucións e plans de mellora en caso de precisalo”.

Te puede interesar
Más en Universitas