UNIVERSIDAD

A escalada consolídase na oferta do Campus de Pontevedra

Ciencias da Educación e do Deporte acolle a cuarta edición dun curso de iniciación nesta disciplina

A escalada será por primeira vez deporte olímpico en Tokio 2020, o que está contribuíndo a que cada vez sexa maior o número de persoas interesadas en iniciarse nesta práctica deportiva. 

Dotar aos asistentes das nocións necesarias para poder practicar a escalada con autonomía é o obxectivo do curso de iniciación á escalada en rocódromo que, no marco da programación de obradoiros da Vicerreitoría do Campus para este segundo cuadrimestre, desenvolve nestas semanas a súa cuarta edición. 

Alumnado de diferentes titulacións do Campus de Pontevedra e tamén estudantes chegados desde Vigo e Ourense participan na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nun taller de 30 horas, no que, como explica o monitor José Juan Domínguez, “o alumnado parte de cero coñecementos e que está estruturado para que, unha vez finalizado, sexas completamente autónomo na práctica da escalada deportiva”.

Aberto a un máximo de 15 persoas, o curso está dirixido polos profesores da facultade Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, contando tamén como docentes con José Juan Domínguez, técnico de escalada e guía de montaña; e co técnico de deportes e director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez Araújo, quen se encargou de abordar co alumnado os aspectos relativos a organismos federativos e seguros de escalada. “Normalmente os cursos de iniciación desenvólvense en dous días, con 16 horas lectivas, polo que este obradoiro permítenos abordar máis contidos e que os alumnos poidan practicar máis e saian coas manobras máis asentadas”, salienta Domínguez dun taller que, pon principalmente o foco no aspecto máis relevante da escalada, a seguridade.

Te puede interesar