XORNAL ESCOLAR

Escola viva e inclusiva

20190520113041171_result

Entre os proxectos do centro destaca o denominado  EPDLab, cuxo obxectivo é concienciar ao alumnado sobre o manexo responsable de redes sociales e a lectura crítica e comprensiva dos medios de comunicación

Situado na alta montaña oriental ourensá atópase o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, un centro de ensino no que se imparte a ESO, Bacharelato, FP e tamén contan co programa That´s English. A oferta educativa non dista a priori da que pode ofertar un instituto das súas características, se ben é certo e tal e como destaca o director do centro, Carlos Ferreiro, a ubicación alonxada dos centros de difusión culturais e económicos, é un importante hándicap "gran parte do noso alumnado realiza poucas saídas do seu territorio, polo cal o coñecemento "real" do mundo, por riba da aprendizaxe  académica, presenta serias carencias. En moitas ocasións, desde as propias familias, non se valora o estudo como unha vía de desenvolvemento cara o futuro laboral e económico", salienta Ferreiro. 

No tocante ao futuro laboral, "a crise da burbulla inmobiliaria fixo que saídas inmediatas e aparentemente "doadas", como as pizarreiras de Valdeorras, xa non sexan tan viables e certa sensación de desencanto e fracaso invade esta área de Galicia. As prácticas educativas que transcenden o simples seguimento da programación de contidos e que tratan de integrar no alumnado unha “vivencia da aprendizaxe” resultan, indiscutiblemente, as máis exitosas". Neste contexto, tras o primeiro claustro anual, adicaron unha sesión de tarde fóra de horario a trasladar a todo o profesorado os diferentes tipos de proxectos e actividades de innovación que o este IES acomete, e buscan que, de xeito voluntario, se integren nalgunha delas. Desde hai polo tanto case 15 anos, e, dun xeito natural, armónico e progresivo, o IES Carlos Casares foi integrando nas súas actividades cotiás, na relación coas familias e as institucións, coas autoridades educativas e coa contorna, unha preocupación polo que se ten denominado “currículo oculto”, “educación en valores”, e que eles prefiren denominar “escola viva e inclusiva”.

Unha das máximas deste instituto na que traballan cada curso e que tamén é un sinal de identidade é que se trate dun espazo familiar e de portas abertas. Para elo, o equipo directivo traballa arreo e conta sempre co apoio e recoñecemento da inspección educativa e da Xefatura Territorial á hora de afrontar novos proxectos.


Proxectos


Desde hai cinco anos, no IES Carlos Casares trabállase no proxecto EPDLab. Trátase dunha iniciativa na que se profunda en temas como a Igualdade e a Inclusión Social (sexismo, roles de xénero nos medios...), a Interculturalidade (memes para chamar as cousas polo seu nome, comunicación en positivo contra o racismo, etcétera) e a Relación Norte-Sur (contra-publicidade, consumo responsable, voluntariado...).

O principal obxectivo deste proxecto, no que este ano se sumou o alumnado de 2º de Bacharelato, é analizar as problemáticas sociais, reflexionar sobre o impacto dos medios de comunicación ou crear un produto inmediato de sensibilización, crítica ou información, todo isto partindo da aula e coa finalidade de concienciar ao alumnado sobre o manexo responsable de redes sociais e a lectura crítica e comprensiva dos medios de comunicación, sobre todo en cuestións relacionadas coa igualdade de xénero e cooperación para o desenvolvemento.

Aínda que o proxecto EPDLab é un dos máis destacados do centro, contan con moitas outras propostas ao longo do curso, como os talleres contra a violencia de xénero, actividades en torno ao 25N e obradoiros de xestión emocional ou de identidade sexual. Cada curso é destacado o intercambio lingüístico-cultural co Instituto Bilingüe Checo-Español de Brno-Bystrc (República Checa), que este curso tivo lugar entre o 15 e o 30 de outubro. Tamén son fundamentais no Carlos Casares as actividades do voluntariado, mediación escolar, biblioteca, Tic´s e propostas deportivas.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar