VERÁN

As escolas de verán de Allariz ofertan dende volei praia a padel, tenis ou piragüismo

A actividade máis salientable é, como cada ano, o curso de natación, que se impartirá de luns a xoves en horario de mañá.

A proximidade das vacacións escolares vai marcando o calendario dos concellos, así como a súa programación estival. É o caso de Allariz, que xa abriu o prazo de inscripción para as diferentes modalidades que compoñen a oferta das escolas deportivas municipais para menores de 16 anos. A actividade máis salientable é, como cada ano, o curso de natación, que se impartirá de luns a xoves en horario de mañá. A piscina municipal será o lugar que acolla estas sesións formativas,  tanto para os que queren aprender a nadar como para aqueles que desexen mellorar a súa técnica. Na piscina serán tamén as clases de volei praia, que comezarán o 2 de xullo e teñen un prezo de 30 euros ó mes. 

As escolas deportivas ofrecen tamén a posibilidade de practicar piragüismo, unha actividade que comezará o día 1 de xullo no clube fluvial situado na Alameda. O prezo desta modalidade será de 50 euros cada mes. Paralelamente, na cidade deportiva do Seixo será onde se desenvolvan as clases de pádel e tenis, que se dividirán en dous grupos segundo a idade dos participantes. Esta modalidade iniciarase tamén co mes de xullo e consta dun prezo de 30 euros ó mes. En toda a oferta de escolas deportivas haberá un prezo especial para quen desexe inscribirse nos dous meses de verán. Os interesados poderán obter máis información na piscina municipal.

Te puede interesar