política

Espazo Común leva ao pleno a contratación de novos policías

O grupo da oposición solicita diversa documentación sobre a cobertura das prazas

O grupo municipal Espazo Común reclama ao goberno do Carballiño que aclare o número de vacantes e contratación de novos efectivos para a Policía Local. Con tal motivo levará ó próximo pleno unha moción para que de xeito inmediato "se dea traslado á oposición dos informes elaborados polos servizos técnicos municipais que avalan a contratación dun determinado número de policías", tendo en conta que a Concellería de Seguridade sinala que só se poden cubrir tres, mentres este grupo da oposición insiste en que poden ser cinco.

Espazo Común solicitará "que se facilite tamén a Oferta Pública de Emprego (OPE) anunciada e o documento de remisión da solicitude á Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP)" e pedirá "que se designen responsables e prazos para facer as xestións necesarias que restan para poder cubrir as vacantes e completar o cadro de persoal e garantir así un servizo acorde co que precisa  Carballiño".

Engade que "o proceso legal para a contratación de novos policías é longo pero despois de cumprir cos primeiros e máis complexos pasos entre 2017 e 2018, o procedemento quedou estancado e xa se perderon convocatorias para a súa cobertura". Así, "dende finais do ano 2017, cando se aprobou a RPT, e primeiros do 2018, cando se aprobou a adhesión ao convenio coa Xunta pola que esta se encarga da selección do persoal, xa só quedaba a aprobación dunha OPE".

Te puede interesar