O grupo municipal Espazo Común do Carballiño solicita a través dunha moción a creación dunha comisión de traballo composta polos diferentes grupos municipais, a asociación empresarial do polígono, a Xunta e a Deputación de Ourense co obxectivo de optimizar as propostas e axilizar a creación de chan industrial.
Pretende que dita comisión designe a un equipo redactor urbanístico, que avalíe as posibles ubicacións dentro do noso concello para que a corporación ou o goberno municipal tome a decisión definitiva.
Esta comisión, segundo a proposta de Espazo Común, deberá elaborar un calendario de actuacións realistas, que contemple ubicación, redacción de proxecto, modificacións urbanísticas necesarias, dotación económica, concurso e execución, co fin de coñecer exactamente cal é o prazo no que o Concello do Carballiño poderá contar con novo chan industrial.
Mentres os alcaldes de Carballiño, Francisco Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias, anunciaron que traballan nun proxecto conxunto para ampliar a actual área industrial do Carballiño ao Concello de Maside, este grupo da oposición insiste en que despois de cinco anos de mandato municipal non se fixo nada e que se houbera unha empresa interesada en instalarse de certa envergadura non sería posible por falta de espazo. Por iso, Espazo Común fai agora esta proposta que trasladará ao pleno.