Opinión

Estigmatizadas

Que o feminismo está estigmatizado é unha realidade. A razón obedece, coma sucede con todas as correntes de pensamento incómodas, ao descoñecemento ou, tamén, ás análises superficiais, feitas a correr. Se cadra por iso, o feito de sermos denominadas “nazifeministas”, ou feministas “recalcitrantes”, xa non nos afecta e adoitamos continuar na loita a prol da xustiza e da igualdade. Malia todo, interésanos que se saiba que igualdade é un concepto contrario a “desigualdade”, non a “diferenza”.


Daquela, conviría insistir na necesidade da discriminación positiva na medida en que forma parte dunha nova construción social máis xusta. Tendo isto claro, é comprensíbel a importancia dada ao feito de formarmos parte da vida pública, de saírmos a “ágora” e incorporármonos á política sen dramas, isto é, con naturalidade.


Este discurso, políticamente correcto, defendido tamén por moitos homes sensibilizados co tema, é cuestionado aínda por aqueloutros que nos acusan de sindicalizarmos a beleza da muller, ou de pretendermos que derive na asexualidade da mesma. Falso, puro exercicio de demagoxia argumental, pois de aceptarmos a realidade de que a muller está nunha situación de desigualdade ao respecto dos homes no ámbito político, por exemplo, cómpre asumir que se debe tratar de maneira desigual o que é desigual. Así de simple.


Para que se entenda, imaxinemos que estamos nunha aula de linguas e imos dar os resultados dun exame. Evidentemente, estaremos de acordo en que non podemos ter a mesma actitude cunha alumna moi intelixente que saca un catro nun exame, que con outra con dificultades de aprendizaxe. A severidade ha ser maior coa rapaza que, tendo as calidades necesarias para obter maior nota sen problema, suspende por desidia ou abandono. Traslademos isto á política e entenderemos mellor o asunto. Ante a maior dificultade das mulleres para accedermos ao goberno durante séculos, é lóxico fomentar a nosa participación mentres a situación non se normalice. É cuestión de sentido común.

Te puede interesar