con texto

Estratexias neorrealistas

Natalia Ginzburg

“El camino que va a la ciudad” publicada en 1942 baixo o pseudónimo de Alessandra Tornimparte é a primeira novela de Natalia Ginzburg, un texto de xuventude no que xa se advirte o incomparable talento da autora.

O clásico (o neoclásico, non, o “neo” adoita rematar en desastriño, que non é o mesmo que desastre aínda que o pareza) é aquilo que fica, de tal maneira que poden pasar os anos (ao grande, os séculos) e seguir admitindo olladas, emocións e, por suposto, leituras apaixoadas. Isto acontece con Natalia Ginzburg (Palermo, 1916-Roma, 1991), unha das escritoras italianas realmente grandes. Da que agora recupera a modélica Acantilado a súa primeira novela, de 1942, publicada baixo do seudónimo de Alessandra Tornimparte. En puridade trátase dunha “nouvelle”, de temática familiar, inevitable non pensar na “Cronaca familiare” de Vasco Pratolini, despois película (moi de cineclube dos sesenta). Amores contrariados, nenos que veñen a destempo, patriarcado por todas as beiras e mulleres sumisas “ma non troppo”. 

Nada, pois, que non teñan tramado outros autores da época. Entre nós quen daquela afiaba a pluma (ía dicir a faca, pero non) MIguel Delibes. Acontece que a xenialidade da Ginzburg é que foi quen de lle dar a volta ao pescozo do cisne, acadando un pequeno mundo –xa que logo- revirado. Resolvido cun estilo moi eficaz no que o sentimento lírico ven servido en bandexa de madeira. Clásica, pois, Natalia Ginzburg para desfrute setenta e cinco anos despois (e ben traducida por Andrés Barba).

Compleméntase a novela con tres relatos de traxicomedias, diríamos, e amor-desamor conxugal, con maneiras de Anton Chéjov (biografiado por Ginzburg, adoradísimo nun tempo por vir por Raymond Carver). Un deles, o titulado “El marido” lembra, pero que moito, a esa “nouvelle” de Chéjov, que se chama -na traducción española, a que manexo, “La señora del perrito”- mais cun remate moito máis tráxico. Estas historias recórdanme, igualmente, algunhas de Fernández Florez, as contidas nesa xoia do coruñes que se chama “Tragedias de la vida vulgar”. Don Wenceslao subtitulara “cuentos tristes”. Natalia Ginzburg ben puido facer o mesmo. Así e todo estamos diante dun libro neorrealista “avant la lettre”, escrito e publicado na atmósfera opresiva do fascismo. Que a Ginzburg empregara un seudónimo non pode sorprender, xa que logo. O conto é que era, segue a ser, un clásico. O que conta.

Te puede interesar