Opinión

Integridade

Querido Lalo, tal como che comentei o mesmo sábado, un enredo administrativo de pequena importancia impediume asistir, tal como tiña programado, ó acto de xustísima homenaxe que che tributou o Concello de Parada do Sil, do que es, dende hai tantos anos fillo adoptivo pola rama dos chocolateiros.

O nomeamento como representante da Administración para unha mesa do meu Concello tíñame programado unha xornada de simulacro sobre o tratamento de datos que haberemos de facer chegar o próximo día 27 á central de datos. Pois ben, ese simulacro -agora xa é público e notorio- resultou ser un auténtico trabucazo informático, polo que, aínda que nos fornecen cuns terminais móbiles, non era caso de que mentres a veciñanza de Parada do Sil asentía ós merecementos que tes atesourado, eu estivera fedellando no devandito trebello ata conseguir un enlace mínimo para facerlle chegar os resultados teóricos á central de datos.

A veces as cousas pintan así e de veras que lamento non ter podido estar, non xa só por ti, senón polo teu entorno máis inmediato e incluso tamén por min, porque os que te queremos ben tamén nos sentimos reconfortados con este recoñecemento.

Recoñecementos que provocan sempre un exercicio de involución cronolóxica que colocal o reloxo de area do revés e de devolución do pasado ó presente ideal co fin de revivir momentos pretéritos que non fagan outra cousa ca certificar a razón de ser do que está acontecendo.

E o que aconteceu o pasado sábado en Parada do Sil -estivera ou non estivera eu alí- foi un acto de xustiza, xa non só polos méritos con eles adquiridos senón pola túa forma de ser. E, sobre todo pola túa integridade. Unha integridade que sempre levaches como bandeira contra vento e marea, tanto a nivel persoal (sen o factor persoal non hai nada) como na túa impecable traxectoria profesional como cronista desta nosa amada e, por veces, non menos endemoniada, provincia.

Integridade, como concepto case en desuso e practicamente perdido entre as follas anónimas do groso diccionario, nesta vida nova e curtopracista de “sms” na que agora nos toca convivir.

Integridade na execución do corte a bisturí que durante tantos anos tiveches que facer coa afiada ferramenta da información tratando de non mancar -cousa difícil- a ninguén.

E integridade de oído para saber separar o grao da palla, que de todo hai -e cada vez máis- no colmo seco da comunicación.

En Parada do Sil non erraron, non, cando decidiron colocarte sobre a cimeira honorífica do exemplo e eu, como amigo que sabes que che quere ben, non podo menos ca felicitarme tamén por elo.

Te puede interesar