Cartas al director

Etelvino blanco, historia viva de Ourense

Ninguén mellor que Bertolt Brecht para afirmar que "Hai homes que loitan un día e son bos./ Hai outros que loitan un ano e son
mellores./ Hai quen  loitan moitos anos, e son moi bos./ Mais hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles". Sen dúbida algunha, estamos a pensar e falar do amigo Etelvino -Etel- Blanco Rodríguez.
Ao longo da súa vida participou nun sen fin de iniciativas, sempre cunha visión solidaria da realidade. Ben no 'seu' sindicato ou ben en diversas plataformas, esixindo melloras no Ensino, Sanidade, Xustiza... Non teño dúbida de que estamos ante un dos bos e xenerosos, ante unha persoa que é historia viva do Ourense de fins do século pasado a hoxe. Cando alguén necesitaba axuda, aí estaba. Cando te necesitei, aí estabas.
Etel é, porque sigue estando entre nós, unha persoa desprendida. Unha proba palpable foi cando hai anos a UGT ourensá concedeulle o premio Tojal, un cheque de 100.000 pesetas. Eses cartos, que sempre lle irían ben, foron entregados na súa totalidade á asociación Amigos da República como axuda para erixir o monumento ás vítimas republicanas que hoxe está no cemiterio de San Francisco. Etel é unha das persoas sempre presente nas homenaxes que se organizan en torno ao 14 de Abril.

Ergo o meu puño a xeito dun "deica sempre" cando inicias a túa derradeira viaxe unicamente física
porque ti segues con todos/as nós.
Unha forte aperta para Carmen, Noela e todas as persoas que te queren.
Saúde e República, compañeiro!