Opinión

A ex abadía da Trinidade

Polo que atinxe á cidade de Ourense, pouco se sabe da súa orixe e aínda menos dos seus primitivos moradores ata a chegada da alta Idade Media. Nun privilexio do ano 1122 concedido por dona Teresa de Portugal ao bispo Diego Velasco (1100-1132) e máis á súa igrexa, dona o termo de Ourense capital ademais de autorizar a creación dun mercado mensual, converténdose deste xeito á cidade da Burgas en señorío do bispo, ademais de conceder carta de poboamento a todas aquelas persoas que viñesen a morar nela. Por outra banda, o nacente concello, outra forza en puxanza, a pouco da súa creación compite co poder do bispo polo dominio da cidade, o que ocasiona frecuentes trafulcas entre ambos pretendentes ao que se sumará o interese dos nobres a favor dun bando ou outro.

A igrexa da Santísima Trinidade é a máis antiga das parroquias existentes na capital das Burgas. Naceu para servir ás necesidades relixiosas propias dun albergue ou hospital de peregrinos que se situaba ao seu carón. Unha inscrición: “Ista Ecclesia fundata fuit Era MCCII. 4 Non. Jun. Cum fueri felix quae sunt adversa caveto” do tempo do bispo Pedro

Seguín (1157-1169) (Fernández Alonso, Benito: “Crónica de los obispos de Orense”. Orense. El Derecho. 1897), que foi quen a consagrou, indícanos a data da súa construción. Nembargante, a pesar do determinante da data, xa consta a súa existencia como tal aínda que incompleta algúns anos antes, como o confirma unha vella escritura en Santiago dos tempos do rei Alfonso VII, datada no ano 1188, que a sitúa á saída da cidade entre viñas e olivos.

O recinto relixioso chama poderosamente a atención do visitante, sendo, á súa vez, o mellor identificador o seu aspecto medieval, case diríamos románico, reflectido na súa construción evidentemente de carácter defensivo, único no seu xénero, polo seu marcado marcado estilo militar, o que os arqueólogos ingleses conceden unha grande importancia polo emprego de sendas torres circulares relacionadas cos tradicionais restos das antigas fortificacións, todo moi en consonancia cos turbulentos anos de trafulca entre o bispo, concello maila nobreza. Así, as dúas torres ou torreóns defensivos de planta circular, construídos en sillares graníticos colocados á soga, ambos de semellante altura, dátanse no século XIII, sendo refeitos con posterioridade no XVI co obxecto de dotalos dunha maior solidez ou resistencia, o que confirma a existencia do belixerante estado existente entre as forzas vivas polo goberno da cidade.

Outra das características da igrexa fortaleza, ademais das xa citadas torres, a constitúe a existencia de longas, estreitas e escuras seteiras empregadas como defensa do recinto. Son igualmente destacables, actualmente malamente visibles, os abundantes signos lapidarios existentes ao longo de ambas torres e muros. A utilización das torres circulares, preferentemente sobre as cadradas, comezou a partir do século XIII, debido fundamentalmente a aportar unha maior resistencia e solidez das superficies convexas, ademais de contribuír a unha maior protección contra os proxectís disparados polas bombarda.

Te puede interesar