turismo

Éxito nas redes do vídeo promocional do Carballiño

Unha das imaxes que se mostran no vídeo.
photo_camera Unha das imaxes que se mostran no vídeo. (C.R.)

O traballo resalta os principais recursos turísticos do Carballiño como os balnearios e o patrimonio 

O vídeo "O Carballiño Vila Turística" está a conseguir unha gran proxección, segundo valoran os responsables municipais dos departamentos de Cultura e Turismo, xa que en menos de dúas semanas foron ao redor de 120.000 persoas as que o viron no Facebook do Concello.

Así mesmo, a publicación conseguiu ata agora unha interacción de preto de 20.000 persoas, que clicaron con "me gusta", a comentaron ou a compartiron. 

A procedencia é moi diversa, sendo un pouco máis da metade de Galicia, e o resto de toda España e América Latina, fundamentalmente.

Segundo as estadísticas da publicación, o 59% procede de persoas de Galicia; o 6% de Madrid; o 3% de México; o 2% de Bos Aires; o 2% de Cataluña; o 2% de Andalucía, e o 1,6% do País Vasco, entroutras cidades, comunidades e países.

Gravado en alta definición e con drons por unha empresa especializada, este vídeo, de catro minutos de duración, resalta os principais recursos turísticos do Carballiño, como son os dous balnearios, a gastronomía e o patrimonio cultural e natural.

Os responsables municipais anunciaron que será proxectado nos certames feriais de turismo aos que acuda o concello, como o que terá lugar ao final deste mes de maio en Braga (Portugal), na feira Expocidades, que organiza o Eixo Atlántico.

As autoridades locais consideran que se trata dunha boa iniciativa para a promoción do Carballiño, mostrando as súas potencialidades máis importantes a nivel turístico.

Te puede interesar