A bolboretiña do día | Facer ou faguer?

wordcloud (3)

A forma máis usual, e por iso normativa, ben sabemos todos que é facer. Pero hai moitos falantes que polas terras ourensáns usan outras formas, como “faguer” ou “fagher”, con gheada, como aspirando ese g. E moitos outros case nin fan o gue nin a gheada e din directamente “faer”. Así, por exemplo: “Ó acabar, vou faer unha cousa distinta”.  

Os que din faguer fan o pasado de forma distinta: en vez de dicir “fixen”, din “fighen”, como os que en vez de traer, din “tragher”, que no pasado, en vez de “trouxeches", din “trougheches”... 

En fin, todas estas formas dialectais, queridas, seguramente teñen os días contados ante o avance das cousas comúns a través da escola e dos medios de comunicación. Se cadra ten que ser así. Pero a min dáme pena polo que supón de desaparición da cadea da fala. Así que se vostedes din “vou faer a comida” ou “trougheches os apuntes?”, dígano. Aínda que non o escriban.

Te puede interesar