LITERATURA

Fascinante personaxe

Nesta indagación biográfica basada en documentos inéditos, cartas e diarios, a autora desvela o alcance da colaboración entre os franquistas, os nazis e a Policía do réxime de Vichy, trazando a peripecia existencial do seu avo, Pedro Urraca Rendueles

Eu lera, sentira falar del, cousas sobre Pedro Urraca Rendueles, o policía agregado á embaixada española en París, a quen lle correspondera o papel –certamente infame- de perseguir refuxiados republicanos en Franza. Un deles, o máis coñecido, Lluís Companys, quen seria levado a Hendaya polo propio Urraca, para ser posto noutras mans igualmente criminais que haberían conducilo á súa morte por fusilamento en Montjuic.

A derradeira foto de Companys –en libertade-  foi tomada, precisamente, por  Urraca Rendueles, e aparece na novela escrita pola súa neta, Loreto Urraca Luque, que teño diante miña. Loreto chegou coñecer, tardíamente, a seu avó. Quen pretendía endozar a súa traxectoria vital, tan chea de sombras, algunha arrepiante, como podemos ver neste libro, a través da man da neta. Quen non soamente non aceptou a encomenda senón que cotraatacou con este libro documentadísimo, literaria e grafícamente, que se pode ler como novela mais tamén como docudrama ou –mesmo- á maneira de manual de historia (e aínda, de historias).

Mais non quixera facer pensar que Loreto axusta contas con Urraca Rendueles senón co tempo terrible que lle tocara. El mesmo, dígase de paso, víctima da nosa guerra civil que o levara refuxiarse en Madrid, so do manto da embaixada francesa (estaba casado con Helene Cornette, súbdita deste país) para marchar logo a Franza desde Valencia. Comezo da nova historia e dunha vida igualmente nova. Digase de paso que tampouco a avoa de Loreto sae ben parada nesta historia triste (como moitas dos que tiveron que vivir/ sufrir aqueles anos). Urraca Rendueles, en fin, nacera (en Valladolid) en 1904, e morreu (en Madrid) en 1989.

Logo da guerra mundial, xulgado en rebeldía e condenado á pena capital en Franza (por connivencia co iminigo; traballara para a Xestapo, co alias “Unamuno”), seguiu en activo, como agregado policial, na embaixada española de Bélxica, e nos consulados de Bruxelas e Amberes, deica a súa xubilación.
Tería desaparecido do mapa de non ser por esforzos como o da súa neta, disposta a salvar o honor familiar; aínda que isto semelle oxímoro ou paradoxo. Pero non. Libro fascinante, tanto como o seu personaxe, e que veño de ler todo seguidiño.

Te puede interesar