Opinión

Feitos e ideoloxías

A medida que imos pasando diferentes etapas na vida, observamos, diferenciamos e distinguimos certas características específicas que chocan, ou se contradicen con outras anteriores. Quero decir que non temos as mesmas demandas cando somos nenos ou mozos, e xa non digamos se falamos dos diferentes grupos profesionais na nosa sociedade. Fago esta reflexión a conto da proliferación dos partidos de extrema dereita, ou de extrema esquerda, tanto me ten, en Europa. Despois duns anos de declive político dos grandes partidos, dos históricos, as persoas agárranse a un cravo ardendo. O moito loitar polas ideas converteuse nunha forma de vida nalgúns casos, pero co obxectivo de topar unha calidade de vida e formar unha sociedade máis xusta, segundo a socialdemocracia. Simplificando moito o discurso da dereita, o modelo de ter ben ordenados os grupos sociais fomentando un libre mercado que creará riqueza para todos. Sen empresas non haberá emprego, e sen emprego non se creará riqueza para reinvestir no tecido empresarial.

Non son experto en modelos políticos pero si observador, coma vostedes, de arquetipos caducos e ideoloxías utópicas que dexeneran en ditaduras. As persoas queren vivir sen sobresaltos antes de pensar en que as promesas políticas non chegan, tardan ou que xa ninguén acreditaba nelas. Isto vai en detrimento das institucións do Estado ou Autonómicas e como a súa rexeneración depende dos mesmos políticos, o lío xa está armado. Desta forma as ideoloxías teñen unha influencia negativa nos valores sociais, e desprazan o discurso fundamental ao outro que se resume na frase “iso é o que quero ouvir”.
Resulta moi sinxelo resolver os problemas con frases feitas que non valen para nada.

Os populismos que din o que as persoas queren ouvir, chegan á resolución dos problemas mediante o recorte de dereitos democráticos que se conseguiron con moitos anos de esforzo e sufrimento. Aínda así, é comprensible que isto aconteza. A desesperación nalgúns casos e falta traballo leva a apoiar aos extremos, dos que nos fala a historia máis próxima. E de momento non hai perigo até que apareza un líder, unha referencia mundial que non nos de o riso como no caso do Pato Donald, e que nos traia a miseria, despois de prometer a igualdade de todos e para todos. Os feitos declaran as intencións das ideoloxías, e como a memoria é moi fráxil, repítense no tempo, vez tras vez. Non hai nada novo.

Te puede interesar