Opinión

O felpudo húmido ou tornando bichos

Se vostede traducise esta expresión ao francés podería ter unha lectura sumamente obscena, pero aquí non; doutro xeito, claro, non a usaba. E si, a todos hoxe nos evoca o de felpudo humido, eses de auga e lixivia para matar o escornavirus famoso na entrada das casas. E felpudo é unha desas palabras que nos veu da man do castelán xunto co obxecto. Non sei en que século se empezarían a pór esas alfombriñas nas portas para limparmos as solas dos zapatos, pero non debeu ser en época romana -daquela sería máis ou menos igual en todas as linguas irmás, tipo leite, leche, lait, latte, etc.- nin actual, pois serían cuspidiñas en todas as do mundo -tipo televisión, television, televisione. Para o felpudo, cada lingua ten unha alternativa de seu, e así, os nosos veciños portugueses chámanlle capacho, os italianos zerbino, os franceses paillasson, os ingleses doormat... Así pois, debe ser, penso, do tempo en que tamén lle inventamos en cada lingua un nome para o de botar auga nas casas -grifo, torneira, robineto, billa, tap... Ou sexa,  hai tempo, pero non tanto. Se cadra século XIX. Pero non era de etimoloxía do que lles quería falar, aínda que é enredo sempre curioso.

E que a mente humana non pára. Estamos sempre dialogando coa memoria, establecendo comparacións co pasado e co mundo. E si, cando empezamos a ver nas tele as toallas de lixivia e auga nas portas das casas, a moitos nos veu á cabeza a entrada das granxas de pitas. Eu hai moitos anos que non entro nunha. Lembro uns días cando tiña dezaseis ou dezasete anos que me erguía ás cinco da mañá para ir apañar pitas aínda máis durmidas ca min, e metelas nun camión que ía a Andalucía, isto era nas granxas do amigo Pepe Vila en Taboadela. Por certo que unha vez, un camioneiro tan andaluz que case non se lle entendía ao falar, preguntounos que canto nos pagaban. Cando llo dixemos comentou escachando de risa que en Andalucía ninguén faría o traballo por ese prezo. E a min, a verdade, enchufado no choio e á cata duns cartiños complementarios, non me parecía tan pouco. Eu sorrín, pero aquela risada do home acabou sendo un dos moitos fíos cos que un tece os seus xuízos e prexuízos. Pero deixémolo, non nos poñamos transcendentes. O caso é que saben que na entrada das granxas hai unha zona refundida na porta para enchoupar ben os zapatos -botas, normalmente- e impedir o intercambio de virus e bacterias entre a nosa especie e a das pitas. A mesma utilidade, tornar bichos, teñen esas reixas bastante separadas que había no chan na entrada de moitos adros das igrexas; claro que estes animais serían as vacas: as patas dos cuadrúpedos meteríanse entre as reixas e, como por parvas non se teñen, darían volta. Microbios, vacas... pero tamén ratos e formigas. As pedras planas que hai por riba dos pés dos hórreos, cabaceiros, canastros, piornos, ou como lles preste chamarlle, teñen por nome común “tornarratos” e non fai falta que máis lles explique. E algúns, poucos, na base dos pés, teñen ao redor deles, unhas acanaladuras de dous ou tres centímetros de ancho, para que, con auga, sirvan de “tornaformigas”.

En fin, o home sempre tratando de “tornar” bichos. E canto máis pequenos, máis ruíns e máis difícil. As pestes invisibles están entre nós desde que hai memoria... E se hai memoria é que acabaron pasando. Dicía Rosalía “Que pasen as correntes apestadas” –no seu caso o tifus e o cólera- que outras virán”. Pois que pasen... e que tarden outros cen anos, cando menos.

Te puede interesar