Opinión

Fervenza de imaxes

O serbio Emir Kusturica realizou con “A vida é un milagre” (2004) unha obra que non se aparta o máis mínimo de aquilo ó que nos ten acostumados este peculiar cineasta. Con este filme retoma o seu universo de personaxes ó borde da loucura, cunha afección desmedida polo caos, a algarada, a festa, o barullo, a esmorga, o sexo na súa versión máis festiva e o contaxioso efecto da vida ó límite. Todo iso enmarcado, coma sempre, na desgraciada historia do seu país, que tanto o obsesiona, e da que se permite aquí unha versión moi crítica e irónica do tratamento informativo feito no resto do mundo acerca da guerra iugoslava, presentando ós seus compatriotas como os “malos”, fronte ós aparentemente “anxiños” bosníacos.

Kusturica ten unha linguaxe propia e amosa unha película suxerinte, con toques de humor surrealista, dun costumismo lúdico-festivo e cuns diálogos estupendos. A guerra é o miolo, o pai dos merlos que transforma a vida dos protagonistas, que, non obstante, seguen amando, chorando, rindo e, por que non, xogando ó xadrez. Película intelixente, entrañable e divertida, chea de colores, música e momentos absurdos, pero con igual dose de dolor, decadencia e terror. Unha mirada optimista a un mundo cada vez máis necesitado de iso e, á súa vez, menos propicio. “A vida é un milagre” é algo así como unha análise amable dunha realidade desagradable pero con recunchos, con recantos de beleza.

Emir Kusturica agasállanos cunha fervenza de imaxes que brotan coma un torrente inesgotable de frescura e talento, regálanos dúas horas e media de cine de luxo, onde a emoción está a flor de pel e a tenrura pódese apalpar, aínda que por momentos semelle un disparate tras outro, un sen sentido; pero todo encaixa, todo é un deleite.

O director non se deixa abater por esa guerra incomprensible e acóchase tras unha cámara chea de música e de vida, infestada de animais e sorrisos lagarteiros. Constrúe discursos nos que o pasado analízase unha e outra vez entre a nostalxia e a crítica.

Te puede interesar