SAMAÍN

Festas que enchen de ledicia as aulas

O Picouto (Ramirás). 31/10/17. Reportaxe sobre a celebración do Samaín no Ceip Rogelio García Yáñez de Ramirás.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Todos os estudantes caracterizáronse perfectamente para conmemorar o Samaín.

Escolares e profesores do CEIP Rogelio García Yáñez celebraron por todo o alto o Samaín, foi unha festa única para a que se empregaron a fondo e coidaron ao máximo cada detalle

Como se dun filme de terror se tratara, o CEIP Rogelio García Yáñez cambiou a súa imaxe habitual para convertirse no espazo máis terrorífico de Ramirás e a bo seguro de case toda a provincia. Celebraban o Samaín, a súa festa por excelencia, que cada curso se supera e non deixa de sorprender aos propios escolares que agardan este día como se dos Reis Magos se tratara.

Ademais de ser unha actividade festiva que parte da propia Biblioteca do Rato, é un proxecto educativo co que os escolares sempre aprenden conceptos novos e interesante. Nos tres idiomas, galego, inglés e castelán, se presenta o menú do comedor, así como moitas actividades que organizan durante o día. Tamén é unha boa maneira de traballar en valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, a responsablidade e, asemade, compartir coas familias os seus proxectos.

Semanas antes da celebración os escolares coa axuda das familias preparan cabazas que despois formarán parte da exposición que preparan no centro. Tamén se expoñen libros terroríficos para que os alumnos os coñezan e se animen tamén a gozar desta temática. Cada ano realizan novas manualidades que incorporan ás de cursos pasados e coas que decoran cada recuncho do centro, na actualidade e tras moitos anos organizando esta festa, non queda rincón sen decorar. Cando chega o gran día os nervios son palpables entre toda a comunidade educativa, xa que todos comparten esta festa do terror. Xa vestidos das súas casas e maquillados coa axuda das familias, os nenos e nenas acoden ansiosos ao colexio, ese día case non precisan despertador. Miles de sorpresas os fascinan cada ano. Por grupos van pasando polas actividades que teñen organizadas: Obradoiros de Manualidades, Xogos de Samaín e o Túnel do Terror, sen dúbida esta última a actividade preferida por todos. O menú no comedor é tamén ese día especial e con motivos terroríficos, este ano destacou por exemplo unha crema de cabaza ou unha mousse de chocolate con golosinas. Non falta detalle e os profesores, un equipo unido e apaixonado polo seu traballo, é o encargado de que cada ano esta festa se supere. 

OUTRAS ACTIVIDADES

Aínda que o Samaín é xa a celebración máis afianzada no centro, súmanse moitas outras ao longo do ano. Así tamén destaca o Festival de Nadal, no que xa están a traballar estes días, o Magosto, o Día das Letras Galegas, o Día da Paz ou o Día das Bibliotecas, entre outros. 

Desde este curso tamén están inmersos nunha actividade moi interesante relacionada co fútbol, baixo a denominación "A volta ao mundo nun balón", que ten como finalidade coñecer as costumes, a culturas e moitos outros datos de interese dos países que acolleron un mundial de fútbol. Moi pronto compartirán co Xornal Escolar o que está a ser este interesante proxecto educativo.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar