ENTROIDO 2020

Festexando a tradición do Entroido dende cativos

Milleiros de alumnos da cidade percorreron as rúas coas propostas máis orixinais para celebrar o Entroido

Podería dicirse que hai tantos Entroidos como vilas e aldeas na provincia de Ourense. Pero o certo é que hai tantos Entroidos como persoas somos, porque a orixinalidade e creatividade de cadaquén é o que marca o xeito de vivilo. Con todo, nunha cousa coincidimos todos e é no feito de encher o Entroido de tradicións. Máis alá das máscaras típicas de cada vila, hai outras tradicións que foron crecendo co paso dos anos e amosando a evolución desta festa tan ourensá. 

Os veciños da cidade son ben conscientes disto porque saben que, cada ano, durante a mañá do Venres de Entroido, unha comitiva moi especial percorre as rúas do centro a ritmo da música e o baile. Cada un chega dende un punto do rueiro ourensán pero todos teñen como destino a Praza Maior. Visten cores moi vivas pouco propias do inverno, elaboradas con materiais estranos. Non camiñan, senón que cantan e bailan. Están vivindo o Entroido e son os escolares da cidade que cada ano participan no desfile infantil. 

Nesta comitiva desfilaban tantos personaxes como pode compoñer a imaxinación e mesmo algúns difíciles de imaxina. Robots, cidadáns do mundo, animais... É unha tribo peculiar que percorre Ourense para lembrarlle ós veciños que o tempo de quitar a máscara do día a día chegou e que, durante os vindeiros días, estará permitido converterse naquilo que cada un queira porque así o manda a tradición.

Semanas cheas de actividades

Aínda que os días grandes do Entroido se concentran en pouco máis dunha fin de semana, son moitas as actividades asociadas a el nas que participan os alumnos dos centros educativos da cidade. Non só se trata de empezar a preparar o disfraz con tempo para sorprender, senón que son varias as tradicións que dende semanas antes anuncian a proximidade desta festa.

Este ano, a Concellería de Educación levou por tódolos colexios un obradoiro de elaboración de Mecos para participar nos Xoves de Comadres e Compadres. Estas dúas xornadas, que teñen como epicentro a Praza Maior, forman parte tamén da tradición do Entroido. No primeiro día, os mozos son os encargados de protexer os seus bonecos das nenas, que intentan arrebatarllos para botalos ó lume. A vinganza chega unha semana despois cunha reviravolta das tornas. 

Ámbalas dúas citas son preludio do Venres de Entroido, no que os máis novos da cidade son os absolutos protagonistas. Foi ese día cando se desvelou o segredo dos seus disfraces nos que traballaron arreo durante semanas no colexio e que tamén requeriron a participación dos familiares dos alumnos. Todo para manter viva esta tradición milenaria.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma