Opinión

Franco non era Bambi

Cantas veces hai que repetir unha patraña para que deveña en media verdade? E en verdade absoluta? Pode, cadaquén, ter unha verdade diferente sobre feitos históricos concretos? Son preguntas que me fixen no contexto do debate acontecido en redes sobre o artigo que me publicou a semana pasada este xornal. O cambio de opinións foi intenso e interesante entre detractores e partidarios do cambio de residencia dos ósos de Franco. Houbo posicións ben argumentadas. Pola miña parte, teño moi claro o que é xusto e ético nesta cuestión pero tamén me gusta escoitar as motivacións de posicionamentos opostos.

Non todos os que apoiaban deixar no chalet ao de marras, tiñan o rancio tufo do franquismo, aínda que algunhas opinións parecían importadas directamente de 1939. Non entendo que xente da miña idade, lustro arriba, lustro abaixo, dea pábulo a deformacións da historia que tenden a docificar a figura do ditador. Non podo entender a equidistancia entre vencedores e vencidos e a facilidade con que se lle resta importancia ao dano inferido a milleiros de familias durante 40 anos.

Hai un movemento para establecer como certa unha reescritura da historia e, desgraciadamente, parece estar alcanzando gran calado social.

Comecemos por aclarar que falamos dunha ditadura. Segundo a RAE, esto é “un réxime político que, pola forza ou violencia, concentra todo o poder nunha persoa, grupo ou organización e reprime os dereitos humanos e as liberdades individuais”. Ás veces hai que lembrar cousas básicas coma unha definición para non perder a perspectiva.

A ostentar dito poder chegou este señor do Ferrol a través dun golpe de estado militar contra o goberno lexitimamente establecido. O alzamento do pequeno trouxo aparellada unha guerra incivil, na que, e ese é un dous poucos argumentos que merco, ambos bandos cometeron un sinfín de atrocidades. Iso é, por definición, unha guerra. A expresión máis patética e evidente da inhumanidade do home. Despois desta senrazón, chegou a escuridade. A longa noite de pedra que levou a moitos anos de guerra silenciosa onde as vítimas eran sempre os mesmos. Os falanxistas acadaron a vitoria na contenda e fixéronse polas bravas co poder que non foron quen de obter nas urnas.

Aí comezou unha brutal represión contra calquera que pensara diferente ou que non se amosara colaborador . Depuración foi o eufemismo empregado para asasinar vilmente a milleiros de cidadáns. Mestres, socialistas, escritores, científicos, comunistas, nacionalistas, A cifra de represaliados oscila entre 100.000 e 300.000 segundo a fonte que se consulte.

Para facerse idea da magnitude da barbarie, recomendo a lectura do libro de Julio Prada “Ourense 1936-1939. Alzamento, guerra e represión”. Non houbo aldea que fuxira da morte. Mentres vostede está a ler isto e, cecais, pensar que é mellor non remexer a terra e deixar as cousas como están, hai milleiros de persoas que seguen a buscar aos seus antergos asasinados e enterrados en calquer esquecido camiño. Eles tamén merecen paz, coma a que se demanda para o seu asasino.

Outro día falaremos de bebés roubados, represións na educación e na lingua, de censura, do sometemento da muller e da ausencia de milleiros de liberdades básicas que hoxe damos por feitas. Coidado coas relecturas. Corremos o risco de repetir erros.

Te puede interesar