Galicia extende a banda larga por enriba da media comunitaria

A Comunidade Autónoma de Galicia incrementou a conexión de banda larga máis que as medias española e europea, segundo o Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (Osimga). Galicia fíxoo en 21,4 por cento, mentres que en España se incrementou en 11,9 por cento e na UE, en 8,9 por cento.
A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presidiu hoxe o pleno do observatorio, en que se fixo balance do seu primeiro ano de xestión. Neste constátase -segundo a Xunta- unha evolución positiva na penetración das novas tecnoloxías entre os galegos, aínda que a Comunidade continúa a rexistrar valores inferiores en varios indicadores.

O informe destacou como fortaleza galega os bos niveis de equipamento e uso das TIC no hábitat urbano e, como debilidade, os condicionantes xeográficos e socioeconómicos, mentres que sinala como principal oportunidade a captación dos colectivos en risco de exclusión e o impulso á administración electrónica. Tamén reflicte que as empresas galegas de 10 ou máis empregados superan a media europea nos indicadores relativos a dispoñibilidade de ordenador, banda larga e LAN e 18,5% delas afirman proporcionar actividades formativas sobre as TIC, 51,6% máis que hai un ano.

No referente ao plan de traballo para 2011, o observatorio prevé a presentación no primeiro semestre dos resultados das enquisas e informes realizados durante 2010, as análises comparativas e as principais conclusións, que permitirán coñecer a situación da administración electrónica nos municipios galegos e datos máis actualizados da sociedade da información en Galicia.

Te puede interesar