Opinión

Galiza en Cannes

Cannes está de celebración continua ao longo destes días. Polo de agora sabemos que Alain Delon recibiu xa a Palma de Ouro Honorífica por toda a súa carreira, malia eses comentarios penosos que ensombrecen bastante a súa imaxe pública. Supoño que por iso Frémaux afirmou que o actor non teme ficar só e di o que pensa. O que non temos tan claro xa é se pensa ben o que di. Ao meu ver, ou non o pensa moito ou está absolutamente desbordado polas mudanzas que se están a producir na sociedade e non pilla -ou non quere pillar- ben o asunto. Isto de aceptar que as cousas cambian e que cómpre revisarse non comprace a todo o mundo. Hai quen decide poñerse en modo anos cincuenta quedar aí tan tranquilamente. Quen si parece estar en onda é o director galego Oliver Laxe. 

O cineasta presentou este martes 21 de maio O que arde na Salle Debussy ás 11:00.  Houbo despois outros dous

pases do filme: un ás 14:00, na mesma sala, e outro o mércores, ás 21:00, na Salle Bazin. Laxe acudiu a Cannes acompañado de Benedicta e Amador. Ambos os dous intépretes desfrutaron a tope desta experiencia festivaleira na que non faltaron aplausos e fotos na zona reservada ao photocoll onde Benedicta botou uns pasos de baile ben contenta. Alén desta cousa do glamour, o que nos interesa é a recepción do filme, porque nos gustaría que gañase unha terceira vez. Lembremos que Oliver xa recibiu neste mesmo festival o Fipresci no 2010 por Todos vós sodes capitáns e o Gran Premio da Semana da Crítica no 2016 por Mimosas. Iso si, nesta ocasión, subiu un chanzo máis e conseguiu que esta terceira longa entrase en competición na sección Un certain regard. A ver que sucede. Fácil non o ten, porque compite con Liberté -de Albert Serra-, La femme de mon frère -de Monia Chokri- ou Liu Yu Tian -de Zu Feng- entre outros. 

En todo caso, o feito de ter sido seleccionado nesta sección de exquisiteces é xa un premio. Se ademais pensamos que, por primeira vez, o público dese festival tan prestixioso puido escoitar un filme en galego, o premio faise dobre. Haberá que ter paciencia e cruzar os dedos. Como gañe unha terceira vez vai arder Troia, os Ancares e Galiza enteira. Como din en Francia “merde!”. Desexámosche o mellor!

Te puede interesar