Opinión

O gato que non daba a hora

A miña tía avoa Aurita, a Titá, como lle diciamos de nenos, era pequena e doce, miúda, afable e risoña, serena, unha marabilla de persoa. Conservo dela a memoria que confeso e un gato de porcelana que moito me intrigou sendo eu ben neno.

O gato era, é, sedente e rubio, de longos bigotes negros e peito que se diría branco pero que non o é. Os ollos son marelos e miran fixamente. Cada vez que eu chegaba á súa casa de Allariz o primeiro que visitaba era o dormitorio onde estaba o gato axexándoo, a todo el, alá enriba dunha cómoda e coa súa mirada fixa, así como pasmada. O que me marabillaba del era que tiña un reloxo no medio e medio do peito. Dixen marabillaba cando o que en realidade tal feito me producía era un desacougo grande: como era que un gato podía ter un reloxo no medio do corpo? Cousas de rapaces seguramente.

Que eu recorde o reloxo, ou sexa o gato, nunca deu a hora. Segue sen dala. A súa debe tratarse dunha obstrución intestinal horaria. O primeiro que fixen cando o gato veu dar ás miñas mans, foi mirarlle as súas tripas mecánicas e, o facelo, comprendín o seu estreñemento, a súa dificultade pra sinalar ás horas de paso do sol polos meridianos e de aí ese seu estar así como pasmado, hierático, como se fose un gato exipcio propiedade dalgún faraón que, non se sabe como, viñera dar á casa das miñas tías; da Titá, que era viuva, e máis de Raquel, que era solteira porque o mozo lle morrera días antes da celebración nupcial.

Ese felino afán de parar o tempo quizás fose cousa de Raquel, máis ca de Aurita. O mundo detérase pra ela unha semana antes da súa voda sempre por recordar, nunca pra ser vivida. Pénsoo así porque, enriba da mesma cómoda, había tamén como unha pequena igrexa ou capela de madeira, ó millor tan só unha torre algo historiada e gótica que deixaba asomar outro reloxo, un pouco máis pequeno que os que colgaban das leontinas dos indianos, pero que tampouco non daba hora ningunha. Tamén había outro reloxo máis, este de parede e de péndulo, que tampouco daba a hora e segue sen dala ó día de hoxe.

Aquela das tías era a casa na que o tempo non corría, recórdoas sempre iguais, sempre vellas, pero nunca máis vellas que a última vez cas vira. As dúas roldaron os cen anos. A Titá non chegou cumprilos. Un día deulle por dicir que o feito de cumprilos se lle antollaba obsceno. Iso foi o que dixo e repetiu cen veces. De alí a pouco foi perdendo o apetito, nunca tivera moito, sempre había que lle retirar do prato a mitade do que lle serviran, de xeito que foi deixando de comer. Morreu en a penas quince días. Agora cada vez que contemplo o gato -éme doado, permanece sentado a carón de onde eu escribo- comprobo que o reloxo marca aínda a hora na que a Titá morreu, a mesma que marcou sempre. Iso s que se me antolla obsceno.

Te puede interesar