Eleccións 5-A | Entrevista

Gómez-Reino: “En pouco tempo no goberno xa se ve que nós cumprimos co que dicimos"

Anton Gomez Reino Podemos
photo_camera El secretario general de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino. (Foto: EFE)
PERFIL
NOME: Antón Gómez-Reino
LUGAR E DATA DE NACEMENTO:  Madrid (07/03/1980)
TITULACIÓN: Técnico en Saúde Ambiental
CARGO: Secretario xeral de Podemos Galicia
OUTRAS ACTIVIDADES: Deputado no Congreso

 

A conversa celébrase horas despois de que Antón Gómez-Reino, deputado no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia, anunciase a súa participación nas primarias para encabezar a lista á presidencia da Xunta. "Quero imaxinar unha Galicia mellor porque en poucas semanas vou ter outra filla e esperoque poida medrar neste país como eu aspiro". 

A qué quería dedicarase vostede cando era cativo? 

(Rise) Non adoito pensar moito nesas cousas, pero precisamente onte faleino coa miña parella: quería ser vulcanólogo, arqueólogo e astrónomo. Supoño que tería que ver con que na Coruña está a Casa das Ciencias que nos conectaba co ámbito científico e tamén con dúas cousas moi relevantes para min como a montaña e a natureza. 

E dende cando pensa en ser candidato á Xunta de Galicia? 

Dende que gañei a secretaría xeral nas eleccións internas de Podemos Galicia é algo que está aí, non tanto porque o pensara eu, senón que moita xente dalgunha forma dicía que era un paso que tiña que dar. Máis aló diso, a xente que nos incorporamos á política institucional a partir do ano 2015 fixémolo co obxectivo fundamental de cambiar o país, de construír unha nova esquerda nacional. Iso segue aí e máis agora que estamos no Goberno do Estado.

Como xeración política temos a responsabilidade histórica de dar un paso adiante.

Se Yolanda Díaz non fose ministra, estaríamos falando agora da súa candidatura? 

Pois non o sei. É público que teño unha magnífica relación persoal e política con Yolanda, esta cuestión falámola moitas veces medio en serio medio en broma, pero os acontecementos marcaron que eu dera este paso. En política hai que aceptar os retos que veñen e adaptarse ás situación. Máis alá das dificultades está claro que para min é un desafío bonito. 

Sente paixón pola montaña, está ante a escalada máis dura? 

(Rise) Ponmo difícil. Si é certo, algo que levo falado esta semana coas compañeiras e compañeiros, que as transformacións necesarias para cambiar Galicia, no sentido que eu desexo e creo que tamén a maioría da xente progesista, son profundamente estruturais e fan o cambio máis difícil. Eu defendo que Galicia é un país avanzado e progresista, pero no que ten que ver coa acción de goberno dos últimos dez anos e coas políticas públicas. Hai que facer unha escalada moi difícil para abordar problemas como os dos sectores produtivos, a demografía, o noso mundo rural...

Con En Marea acadaron seis deputados no Congreso en 2015 e cinco na repetición electoral de 2016, logo foron a segunda forza en número de votos nas eleccións galegas, e agora baixo En Común Unidas Podemos contan con dous escanos en Madrid. A que atribúe o retroceso?

Eu digo que o noso espazo político está nun proceso de maduración e cando un madura igual corre menos rápido, pero pode ter unha visión máis ampla da situación. É certo que o espazo sociolóxico que apoiou o noso espazo político continúa estando vixente na sociedade galega e a responsanbilidade de que a xente nos vote, e máis nunhas eleccións fixadas antes das vacacións de Semana Santa, é nosa. Temos que conseguir facer unha ferramenta ilusionante para que as 450.000 persoas que confiaron en nós noutros momentos volvan facelo. Insisto en que a maioría social que quere cambio en Galicia está aí e a responsablidade de movilizala é dos candidatos e candidatas. Por dicilo en termos clásicos: "Las condiciones objetivas están dadas para el cambio político". Outra cousa é que traballemos nas condicións subxectivas. Os partidos son importantes, pero hai que traballar tamén para involucrar a moita xente da sociedade civil. 

É optimista de cara a reeditar unha candidatura con Anova e as mareas municipalistas? 

Eu son optimista sempre. Nós temos un espazo, unha proposta política lanzada e as portas están abertas.

Non sobra ninguén, pero correspóndelle a outros actores dicir o que van facer.

Tamén Luís Villares é necesario para acabar co “decenio negro de Feijóo", como di vostede? 

Tamén necesitamos que Villares vaia votar o 5 de abril como todo progresista galego. Feijóo sabe que unha participación baixa venlle ben e de aí a data das eleccións. 

Dixo que con Martiño Noriega fala habitualmente. E se quere ser el o candidato á Xunta de Galicia? 

(Rise) Bueno eu preséntome para as internas de Podemos, pero a partir de aí, se gaño eu ou outro compañeiro, creo que é evidente que Podemos ten unha posición moi relevante no que ten que ver  con liderar a candidatura. Con Martiño teño moi boa relación persoal, pero tócame ser escrupulosamente respectuoso cos debates de Anova e esperar a súa decisión

É a primeira campaña co vento a favor do Goberno central. En que cambia?

Afortunadamente somos unha forza de goberno que pode poñer enriba da mesa algo que non foi habitual nos últimos 40 anos: nós cumprimos en pouco tempo co que dicíamos, máis rápido do que a xente esperaba: subida do salario mínimo interprofesional, subida das pensións, subida dos salarios dos traballadores públicos... É o aval fundamental.

Pero hai quen di que o BNG cun deputado fixo máis por Galicia que vostedes con cinco. Dóelle?

Non, doeríame se fora certo. O traballo está aí. E o digo con todo o respecto porque o BNG  é un aliado, unha forza progresista galega. 

Nas xerais de 2005 acadaron o fito de sacar deputado por Ourense. Que pensa facer para seducir de novo ao electorado? 

Hai que falar dos enormes problemas que ten a provincia. Non é menor a mobilización en Verín pola Sanidade, é a provincia con maior porcentaxe de pensionistas, ten importantes problemas de demografía e de comunicación... Se se me permite, a cidade confiou nas municipais no cambio e esa forza política o primeiro que fai é amalgamarse co PP.

Ourense ten que estar no centro, non só das preocupacións, da acción política do Goberno da Xunta a partir do 6 de abril. 

Te puede interesar