eleccións

Gonzalo Caballero chama a unha "mobilización masiva" a favor de Pedro Sánchez

visita de Caballero a Ourense
photo_camera Gonzalo Caballero acompaña aos socialistas ourensáns.

O secretario xeral dos socialistas galegos visitou a localidade de Carballiño, donde destacou ao goberno de Francisco Fumega como un "exemplo de xestión"

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, advertiu este luns que Feijóo está “moi preocupado porque sabe que Abascal ten moitas máis papeletas para ser vicepresidente”. Así o dixo nunha visita a Carballiño e Monforte acompañado do portavoz socialista no Senado, Ander Gil, e do alcalde da localidade carballiñesa, Francisco Fumega.

O líder dos socialistas galegos sinalou que o presidente da Xunta “sabe que o seu ciclo político chega ao seu fin e o PP de Casado non ten a forza para darlle o espazo político que quería ter en Madrid”. Sinalou que o PP “está pinchando na súa campaña en Galicia” cunha fuxida de votantes “uns a Ciudadanos e outros a Vox” porque “Feijóo abandonou o sentido da responsabilidade e de cumprir coas galegas e os galegos”.

Caballero reivindicou un “esforzo de mobilización masiva” a favor de Pedro Sánchez e dun proxecto “crible, que cumpre cos galegos fronte aos incumprimentos e o cinismo do PP de Rajoy, Feijóo e Casado”. Caballero aludiu tamén á visita a Galicia do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, “ese campión do disparo das aceitunas que nos toma o pelo aos galegos e ás galegas”.

Dixo que o político murciano do PP “tómanos o pelo a todos os galegos cando vén falar do AVE”. A infraestrutura, puntualizou o secretario xeral do PSdeG-PSOE, “vai chegar en prazo porque non hai un só segundo de retraso –nos investimentos- dende que Pedro Sánchez é presidente do goberno”.

Caballero defendeu o proxecto socialista “fronte a un PP botado en mans dunha dereita e ultradereita que non cren no autogoberno, que non cren no Estado das Autonomías, unha Galicia que non cre en Galicia”. Advertiu que “a dereita do PP, mesturada con Vox, supón un ataque á autonomía galega e á Galicia que queremos construír a maioría dos galegos”.


Vangarda da defensa do Estado das Autonomías


O portavoz socialista no Senado, Ander Gil, apostou este luns por situar a Galicia “á vangarda da defensa do Estado das Autonomías nas eleccións do 28 de abril” e que lidere así o coto á “España recentralizada e uniforme”. Subliñou que “o único partido que pode plantear a alternativa de seguir respectando a España das Autonomías é o PSOE”.

Presentou o proxecto de Pedro Sánchez como a única resposta “para frear o retroceso, a involución da España centralista e uniforme” como alternativa ao proxecto das “tres dereitas especialmente lesiva con comunidades autónomas como Galicia”. 

Na visita ao Carballiño, puxo ao goberno do alcalde socialista como “exemplo de xestión” e de oportunidade para os galegos que “teñen a oportunidade de elixir se o país continúa avanzando e mirando ao futuro ou se retrocede”. No seu paso pola provincia de Ourense, lembrou que o goberno socialista en apenas 9 meses de goberno revalorizou as pensións conforme ao IPC e subiu o SMI a 900 euros.

Te puede interesar