Opinión

Gracia, bo ou mal exemplo?

Mentres que Bruxelas cantaba vitoria respecto de Grecia, a Arxentina comezaba un novo calvario, coa drástica desvalorización do peso en relación co dólar, os xuros subían ao 60%, o desemprego atinxía un 10%, os ocupados informais chegaban ao 34,2%, e a pobreza abranguía o 33% da povoación. Será a de Grecia unha experiencia que se utilice como engado pra tomar medidas semellantes na Arxentina? Se fose así, obviarían que análises tan positivas sobre o resgate grego están baseadas no fluxo financeiro e nos lucros da banca e corporacións, e que esquecen os retrocesos sociais e as hipotecas pendentes. 

O duro axuste imposto pola Troica (Comisión Europea, Banco Central Europeo e o FMI), pra garantir o cobro dos créditos concedidos pola banca internacional, especialmente de Alemaña e Francia, significou a intervención das contas do país, ou sexa: a perda de soberanía. Débedas que afectaban sobre todo á banca e empresas privadas. As medidas implicaron un aumento da presión fiscal, por exemplo do IVE, sucesivas reducións dos servizos públicos e de prestacións sociais. A outra consecuencia foi a caída dos salarios e a precarización das condicións laborais, por mor da supresión da negociación colectiva, pra ledicia da patronal. 

Os resultados desta política, seica de “axuda a Grecia”, foron: que as pensións perderon un 45% do seu valor, os salarios un 40%, o salario mínimo un 30%, e o gasto en sanidade un 32%. No ano 2017 un 35,6% das gregas e gregos vivían en risco de exclusión e pobreza. Ou sexa, as débedas  empresariais socializáronse en prexuízo das clases populares, tamén coa caída da natalidade e unha emigración masiva. 

Cal é o futuro despois de dar por rematado o plano de “salvamento”? Todos os analistas críticos coinciden en que Grecia non poderá levantar cabeza. Será moi difícil que poda pagar os servizos da débeda, e practicamente é imposíbel que poida promover políticas expansivas que favorezan a actividade económica e o emprego. E dan dados. O Governo grego debe garantir un superávit orzamentario do 3,5% ate o ano 2022 e despois do 2,2% até o 2060. A débeda representa o 180% do PIB. Por outra banda, no ano 2019, o país terá que facer fronte ao pago de 21 mil millóns de euros de amortización de débedas aos acredores privados. Os acordos só lle permiten acceder ao mercado financeiro até os 15 mil millóns, e o tipo de interese non será con seguridade do 1%, senón tres ou catro veces superior. En poucas palabras, os atrancos non ficaron atrás. 

Neste contexto, Antonis Davanellos, xornalista e sindicalista, argumenta con moita lóxica, que aínda que Tsipras faga un esforzo pra atraer o investimento (como prometeu na Arxentina Macri) é  case que imposíbel que se poidan realizar políticas expansivas: “o compromiso pra xerar excedentes do 3,5% do PIB, significa que non se incrementará o investimento público, que é o sistema tradicional de medre do capitalismo grego”. Ademais, a cambio dalgunhas cesións, Tsipras comprometeuse a que: “todas as leis asinadas baixos os memorandos, reformas e contrarreformas ao longo do período de oito anos da crise, sigan en vigor sen ningunha modificación, nen sequera secundaria, incluso despois do suposto fin dos memorandos”. Non é unha decisión que axude a dinamizar a economía e mellorar a calidade de vida do povo. 

As receitas axeitadas pra globalización neoliberal, ou sexa, pra os intereses do gran capital, non son as apropiadas prás nacións subordinadas, e moito menos pra aquelas afogadas polo sistema. E isto é valido tanto pra América Latina, como pra Europa, e pra o resto do mundo. Neste aspecto Grecia é un exemplo a ter en conta. Polo tanto, a cuestión non é globalización ou proteccionismo, senón as porcentaxes e sectores segundo o grao de desenvolvemento e as potencialidades de cada povo.

Te puede interesar