Opinión

Grândola Vila Morena

2020042423015448154

A primeira vez que escoitei esta canción cursaba COU na Laboral da Coruña; era o ano 74 e era o primeiro gran paso para a chegada da democracia a toda a Península Ibérica despois de anos de dictaduras. Hoxe ás tres da tarde hora portuguesa os nosos veciños van sair ás ventás e balcóns para cantar a coro esa canción que nos chegou a través da voz do Zeca Afonso; aquela voz que soaba en Radio Renascença ás 00,25 horas do 25 de Avril de 1974 e que era o segundo aviso para que as Forzas Armadas ocuparan os lugares estratéxicos; xa que o primeiro aviso fora as 22,55 horas do día 24 coa canción “E despois do adeus” que días antes representara a Portugal en Eurovisión. E a partir de aí xa sabedes a historia desta Revoluçao dos Cravos na que as imaxes das floristas da Praça do Rossio poñendo caraveis nos fusís dos soldados deron a volta ao mundo.

Confeso que cando vexo as imaxes daquel povo unido que festexaba feliz a saída da negrura na que o tiña sumido o réxime salazararista  de Marcelo Caetano, que se dedicaba a manter vivas as terribles guerras coloniais de Angola e Mozambique, que levaron por diante a milleiros de mozos portugueses, non podo por menos que emocionarme, como me emocionei o día que puiden escoitar en directo a canción que segue soando con forza cada 25 de abril no País irmau, esa Grândola Vila Morena que aprendemos de memoria para corearlla a José Afonso na Casa da Xuventude de Ourense, cando o PCG organizou un concerto sorteando con tino a censura propia dos inicios da democracia, cos partidos á esquerda do PSOE aínda ilegais. Pero o amigo José Luis Llamas e os seus camaradas, botándolle moitos bemoles, conseguiron levalo a cabo e foi todo un acontecemento. De todos os berros políticos que se corearon, que foron moitos, o máis ácrata foi “O frío fascista non hai quen o resista”, porque o certo é que naquel pavillón estabamos baixo cero.

Anos despois, descubrín na Radio Galega unha versión do “Grândola” na voz de Amália Rodrigues e, sen facer comparacións absurdas, podo asegurarlles que tamén pon a pel de pita. Amália conseguíu que ata o “La la la” de Massiel soase na súa voz como un auténtico fado; non parei ata que me fixen anos despois cun disco de grandes éxitos da gran fadista no que viñan estas dúas xoias. Cando na Semana Santa do 2018 fun de vacacións ao Algarve non puiden por menos que desviarme da autoestrada para visitar o povo que deu nome á revolucionaria canción. Facía unha calor de moito demo, pero son desas cousas que a un lle pide o corpo, como no seu día visitando México encantoume que o meu amigo Luis Portabales do Carballiño me convidase a pasar uns días de relax de luxo en

Acapulco, cidade á que lle cantou Raphael e desde onde se transmitíu algún dos festivais da OTI que por aquelas terras se celebraron. Outros emociónanse pisando o Bernabeu ou o Camp Nou, e eu fagoo visitando lugares que noutras épocas da miña vida nin soñaría visitar.

Hoxe volverei a vista atrás, a aquel 25 de avril de 1974, e cantarei na distancia do confinamento cos meus amigos portugueses “Grândola vila morena, terra da fraternidade, o povo é quem máis ordena, dentro de ti ó cidade”.

Te puede interesar