A LIMIA

O Grupo Limia Arnoia divulga o patrimonio local

A primeira das xornadas, que se celebrará o vindeiro 22 de xuño, será no Couto Mixto, un estado independente entre a fronteira de Galicia e Portugal

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia promoverá unha nova edición do seu programa divulgativo "Unha volta polo medio". O obxectivo será, unha vez máis, poñer en valor o patrimonio local. 

A primeira das xornadas, que se celebrará o vindeiro 22 de xuño, será no Couto Mixto, un estado independente entre a fronteira de Galicia e Portugal e que existiu hai máis de 700 anos. Proporcionarase un autobús para as persoas que se queiran achegar dende Celanova e que tamén pasará por Allariz. 

O 29 de xuño realizaranse varias visitas á Fervenza do Río Pacín, o Pozo Caído, o Castro dos Castelos, o Castelo da Pía da Moura e a Capela de San Bieito. O 28 de setembro será a quenda para coñecer as Fervenzas do Fírveda, en Porqueira, ademáis do Museo da Limia. 

Por último, o 5 de outubro celebrarase un roteiro por Celanova e, o día 12 do mesmo mes, outro por Santa Eufemia de Ambía, ao río Arnoia e a Baños de Molgas. 

Todas as xornadas serán de balde e incluirán xantar e desprazamento. As inscricións poderán realizarse no [email protected] ou no teléfono 988 68 87 79.

Te puede interesar