Axenda cultural

Guezos mantén o espírito mozo

uploaded_guezos_result
photo_camera Morta, Juan, Adrián, Roberto, Modesto, Fran, Anxo son os integrantes do grupo Guezos.

O grupo ourensán de folk e rock leva en activo desde o ano 2000. O xoves ofrecerán un concerto, onde soarán os temas de "Zapatos novos"

Despois de 18 anos de historia, o grupo ourensán Guezos segue a sacar traballos á rúa. Co último, "Zapatos novos" (2018), quixeron innovar na forma de financiamento, coa posta en marcha dunha campaña de crowdfounding. "Autofinanciámonos bastante ben, pero desta vez quixemos facer participar á xente do noso traballo", explica Anxo Fernández, teclado, acordeón e voz do grupo.

Así, a cambio das súas participación na recadación, cada persoa está a recibir un exemplar do seu sétimo cedé.

O traballo continúa, igual que os concertos, aínda que estes con menos asiduidade. Este xoves, na praza de San Martiño ás 22,30 horas, ofrecerán un dos poucos directos deste ano, unha oportunidade para disfrutar do pop, rock e folk de Guezos.

O porqué deste nome e o seu significado remóntase ao comezo da andaina do grupo, no ano 2000: "Facíanos falta un nome e tiñamos á man un dicionario de barallete-galego. Entón decidimos abrilo e escoller un nome ao azar, puxemos o dedo e saíu 'guezos', que significa rapaces".

Dezaoito anos despois, asegura Fernández que o espírito segue igual: "Seguimos abertos a calquera música, canción ou estilo, non decimos que non a nada". Por iso, os seus concertos son "mareados, unha persoa que vén ao principio e outra que chega ao final pensarán que viron a grupos diferentes", di o artista. 

Te puede interesar