entrevista

"Gustaríame que a morte me atopase facendo unha pintura ou escultura"

A pintora de Castro Caldelas, Mayte Vázquez.
photo_camera A pintora de Castro Caldelas, Mayte Vázquez.

Dende esta tarde, o castelo de Castro Caldelas acolle unha exposición conxunta de Mayte Vázquez e Carlos Costoya. Nai e fillo unen os seus pinceis nunha mostra na que conviven ámbolos dous estilos pictóricos e que poderá visitarse ata o 21 de setembro.

Que poderemos ver nesta exposición?

Expoñemos pintura, máis que nada. Carlos pinta óleo e eu fago acrílicos e debuxo. Amosamos o estilo de cada un. Estamos moi felices porque estamos expoñendo no meu pobo, onde me criei e pasei a miña infancia. El estivo moito alí de pequeniño, tamén. Por iso, estamos moi felices. Ademais, a nosa alcaldesa é unha persoa que vale moito e está facendo sempre actos culturais moi interesantes. Deunos moita axuda para todo sempre. Estamos contentos porque é distinto ir a un sitio onde tes xente que te quere. 

Como conviven as pinturas de Mayte Vázquez e de Carlos Costoya?

Non teñen nada que ver. Cada un temos o noso estilo e temos que respectalo. Sempre foi así. Os temas son paisaxes da Ribeira Sacra, persoas da súa familia ou personaxes importantes de Arxentina, porque el é un admirador de Bos Aires e de todo o país. Encántanlle dende pequeno o tango, os gauchos... Leva un retrato do doutor Favaloro, o fundador do bypass, que alí está considerado un santo. A súa pintura é moi superior á miña a nivel técnico porque é a base de veladuras de óleo, lévalle moito máis tempo que a min facer un cadro porque o acrílico é unha cousa fresca, rápida. 

En que medida a súa obra puido influír na de Carlos Costoya?

Nada. As miñas pinturas son de neno, teño á miña nena interior fóra, é naif. Sempre me gustaron os nenos e dediqueime toda a miña vida á creatividade con eles, escribín contos... A el gústanlle tamén os nenos pero non está tan volcado con eles, encántalle a música, as paisaxes, porque está tódolos días metido entre viñas vendo todos eses lugares da Ribeira Sacra. 

Pero o amor pola arte si que o herdaría de vostede...

Eso naceu del. Teño tres fillos e os tres son distintos. A unha gústalle a música, a outro a literatura e a este gústalle a pintura. Sempre lle gustou. Incluso ten un fillo de sete anos ó que tamén lle encanta a pintura.

Vostede ten feito moitas obras. Como é a vida coa arte tan interiorizada?

Teño feito moitísimo. Mesmo estou asustada da cantidade de cousas que fixen. Son unha persoa moi despistada, non sei en que día vivo nin case en que ano. Estou volcada na arte dende sempre, dende pequena. Estou nunha nube, pero sempre traballando. Xa non podo facer máis. Pero seguirei ata que morra. Gustaríame que a morte me atopase facendo algo, unha escultura, unha pintura...

Como están os tempos para a arte?

Bastante frouxos, pero imos tirando. Eu non vivo só diso, teño unha pensión. Carlos ten tamén os seus viñedos e un taller de cerámica. Por certo, imos facer tamén unha exposición de cerámica, que é moi interesante. 

Como foi evolucionando?

Gústanos experimentar. Eu fixen de todo, escultura, esmalte, cerámica, coiro..., incluso teatro de títeres. As comadres e os compadres tróuxenos de Castro Caldelas para Ourense. A nivel artístico, teño varias etapas. Se vés á miña casa e miras a miña colección de arte, ves o camiño que fun seguindo ata chegar aquí. Despois deste estilo non vou ter outro porque, precisamente agora que son maior, quero conservar o neno interior e seguir tendo a mesma relación que sempre tiven cos nenos.

Te puede interesar