TESE

A importancia do ensino e aprendizaxe de estratexias

A primeira tese española sobre interpretación de Lingua de Signos é do investigador Rayco González

Evitar ou solucionar os problemas aos que un ou unha intérprete de lingua de signos se pode enfrontar no seu labor diario. Este é o obxectivo do uso de estratexias como a reconstrución con axuda do contexto, a reparación externa, a naturalización instantánea ou a anticipación, un aspecto central nesta actividade profesional e no seu ensino, que o doutor pola Universidade de Vigo Rayco González aborda na súa tese titulada , La estrategia siempre a mano: propuestas didácticas para la interpretación en lengua de signos, a primeira presentada en España sobre interpretación de Lingua de Signos Española (LSE).

“Un dos motivos polo que nos propuxemos realizar este traballo de investigación é o inminente traslado da formación de intérpretes de LS á esfera universitaria, o que xustifica a importancia de converter esta actividade e a súa didáctica en obxecto de estudo e reflexión académica”, explica o doutor, intérprete e formador de intérpretes de lingua de signos, que con esta investigación tamén pretende contribuír á consolidación dos Estudos de Interpretación en España, “achegando o noso gran de area ao coñecemento e a reflexión tanto da súa práctica profesional como do seu proceso de ensino-aprendizaxe”.

Baixo a dirección de Inmaculada Báez, profesora do departamento de Lingua Española e coordinadora do Grupo de investigación de Lingua española e Linguas signadas, Griles, da Universidade de Vigo e da docente e investigadora do Departamento de Filología Inglesa y Alemana de la Universidad de La Laguna Carmen Toledano-Buendía, Rayco González dividiu o seu traballo en dúas partes: unha primeira teórica , centrada na descrición e conceptualización da interpretación da LSE como actividade tradutolóxica desde un enfoque comunicativo, así coma unha revisión dos principios teóricos das estratexias de intepretación para linguas orais e signadas e unha segunda, na que se presenta o estudo sobre o uso de estratexias de interpretación no ámbito da formación dos e das intérpretes, co obxectivo de analizar a súa correcta aprendizaxe e aplicación, e, en paralelo, o método de ensino das mesmas.

Te puede interesar
Más en Universitas