Increméntanse as infraccións penais no concello de Xinzo

210223XLSXinzoLimia
photo_camera A Xunta Local tivo lugar de xeito telemático.
Correspóndese cun lixeiro aumento dos delitos telemáticos e contra o patrimonio. 

Este martes celebrouse a Xunta Local de Seguridade do Concello de Xinzo de Limia de xeito telemático. Estivo presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama

Como un dos aspectos fundamentais, no tocante á seguridade cidadá, o subdelegado destacou un incremento da actividade da Garda Civil en canto ao número de investigados e unha subida das infraccións penais, correspondente a un lixeiro aumento dos delitos telemáticos e contra o patrimonio.

Por outra banda, en materia de violencia de xénero, actualmente hai activos no sistema VioGén oito casos: dous presentan risco medio, un risco baixo e cinco risco non apreciado.

Nesta reunión telemática procedeuse a activar o Plan Estratéxico de resposta policial ao consumo e tráfico de drogas minorista en zonas, lugares e locais de ocio do concello de Xinzo de Limia e acordouse impulsar o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas en canto a situación da pandemia o permita.

Con todos os datos, Emilio González manifestou que Xinzo de Limia segue a ser "un concello seguro no que todas as administracións e as forzas e corpos de seguridade seguirán traballando para manter os niveis de seguridade".

Te puede interesar