Opinión

Insisto: Agora o de arte

Leo con desacougada ilusión, se é posible unir ambas palabras, a noticia do comezo das obras do Museo Arqueolóxico na Praza Maior. E entenderán o da ilusión porque estariamos encantados de que se executasen dunha vez as obras, pero tamén entenderán o de desacougo porque, no mellor dos casos, pasarán vinte anos desde o peche á reapertura. 

E como lembrei nunha ocasión e volvo sobre o tema, o vello museo montado por Ferro Couselo, herdeiro doutras iniciativas desde o século XIX, era, orixinalmente, “Arqueolóxico e de Belas Artes”. Tiña os restos das escavacións da provincia -digamos Castromao, San Cibrán de Las-, dos achados casuais -digamos o mosaico da Cigarrosa-, as cousas que viñeran da desamortización dos conventos -moitos cadros e esculturas relixiosas, como a Virxe de Juan de Juni de San Francisco- e adquisicións propias -como os fondos de Parada Justel- cunha sección de etnografía da que moitos vellos -ou case- lembrarán a cociña do bispo, con pozo e todo. Comentamos, tamén, nalgunha ocasión, como da sección de etnografía, enxertada no Ribeiro, naceu o Museo Etnolóxico de Ribadavia. A agora, desde hai o tempo que todos sabemos, remoemos saudades coas obras do Museo Arqueolóxico. Ben. Ese novo museo, como nome e proxecto indican, é arqueolóxico; só. Ou sexa, non terá espazo de arte máis alá da ligada á arqueoloxía castrexa, romana e alto medieval. E lembremos, por outra banda, que Ourense, a vella “Atenas de Galicia”, é a única cidade do país quen non ten un espazo específico para a arte -propia e allea- ao longo da historia. Repásolles unha vez máis, sen exhaustividade, espazos expositivos abertos: Vigo, Museo Quiñones de León en Castrelos, municipal, coleccións Abanca e fundacións Laxeiro e Fco. Del Riego, privadas; Pontevedra, Museo Provincial, da Deputación, cunha inmensa colección de arte de todos os tempos; Lugo, Museo Provincial, da Deputación, tamén cunha inmensa colección de arte; Coruña, Museo de Belas Artes, da Xunta, e Fundación Barrié, privada; Santiago, Centro Galego de Arte Contemporánea, da Xunta; Fundación Granell, privada. Ourense, nada. De nada.

E digo eu, agora que seica está encarrilado o tema do Arqueolóxico e se cadra acaban en trinta ou corenta meses... creo que é o tempo axeitado para que os que teñen mando e carteira para o tema -Xunta, Deputación, Concello, Abanca- se senten e vexan con calma e co concurso principal dos que saben por un lado -museólogos e historiadores da arte de Ourense- e dos que teñen intereses directos no tema -artistas vivos, herdeiros e representantes de grandes colección locais- como estruturaren un padroado ou algo así, para uniren esforzos e traballar xuntos de cara a propiciar un lugar para musealizar arte en Ourense. Creo que daría tempo en tres anos de prepararen as cousas, nos traballos organizativos previos (deseñar estruturas orgánicas de coleccións, persoal, recursos, espazos... ou sexa elaborar un proxecto) para que cando abra o Arqueolóxico, digamos en tres ou catro anos, empezar a construír fisicamente un espazo para a arte: Museo, Centro ou como se definise no proxecto. En calquera caso, un espazo visitable de exposición de coleccións e reflexión activa e viva sobre a cultura plástica desde Ourense. 

Tamén podemos esperar e cando se abra o Arqueolóxico, vemos que non esta colgado “El recuerdo de las Joyas” de Parada Justel, facémonos os sorprendidos, e decatámonos de que é só de arqueoloxía. E empezamos de cero. 

Te puede interesar