O CARBALLIÑO

O Instituto de Estudos afonda este ano na historia das rúas

photo_camera Alonso Montero, Luis Valladares, Marnotes, Jesús Vázquez e Muleiro, no último acto literario (MARTIÑO PINAL)

A institución, que naceu en 1999 con seis membros, hoxe conta con 193 especialistas de toda Galicia

O Instituto de Estudos Carballiñeses iniciou este ano cargado de proxectos e con moi boas expectativas de crecemento. A entidade arrancaba no 1999 cos seis socios fundadores e na actualidade conta con 193 membros especializados en distintas disciplinas, e de toda Galicia, dos que 14 incorporáronse o ano pasado, contando ademais a maiores con 18 socios de honra, colaboradores do instituto. Nunha recente asamblea espuxéronse os novos proxectos, entre os que destaca o remate do estudo que se está levando a cabo por un equipo dirixido por Óscar González (arquitecto dos concellos de Maside e de Punxín) e Ana Isabel Rodríguez (secretaria do IEC), e do que forman parte outros 10 socios. Este traballo vaise publicar neste ano co título “Guía do Carballiño”, e recollerá parte da historia de cada rúa, incluíndo persoeiros, sucesos, anécdotas, o mesmo tempo que proporá o cambio do nome nalgúns casos.

O IEC prevé unha segunda publicación, que é a do libro "Historia, tradicións e persoeiros do Ribeiro", de Matilde Pepín Fernández, natural de Leiro (aínda que reside en Valencia desde hai moitos anos). É periodista, escritora e actualmente é investigadora do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura do Goberno valenciano.

Así mesmo, sairán á rúa os números 29 e 30 da revista Àgora do Orcellón. Nun deses números publicaranse artigos de investigación dos oito socios de honor que foron nomeados no pasado mes de decembro. Tamén algúns estudos relacionados cos nove concellos da comarca do Carballiño, unha vez que se dedicou ó patrimonio de cada un deles un número da revista.



SOCIOS DE HONRA

De novo haberá "nomeamento de socios de honor, nos que aparecerán persoas galegas de grande prestixio intelectual, institucional e universitario", segundo apunta o director do IEC, Avelino Muleiro.

Un ciclo de conferencias, durante a Semana das Letras galegas sobre Emilia Pardo Bazán, no que van participar algúns dos colaboradores do número 27 da revista Ágora do Orcellón, dedicada á escritora galega; e a colaboración coa asociación Álvaro das Casas na celebración dos “Maios do Ribeiro”, facendo extensible a convocatoria ós centros educativos, asociacións e grupos culturais do Carballiño, son outras iniciativas que se desenvolverán durante este ano, xunto coa realización dalgunha actividade cultural na "Insua dos poetas", en colaboración coa fundación do mesmo nome.

O Instituto tamén prevé aproveitar a estancia de ilustres conferenciantes das XXIII Xornadas de Filosofía en Vigo (no mes de outubro), organizadas polo Grupo Aletheia, para traer ó Carballiño algún deles, co fin de que imparta unha conferencia.

Finalmente, Avelino Muleiro considera de gran importancia a participación activa dos asociados, tanto na execución dos traballos como na toma de decisións polo están previstas con tal fin dúas asambleas ordinarias de socios, unha por semestre. "Estar abertos a calquera proposta social interesante que apareza e a posibles iniciativas que se promovan desde o propio Instituto" é un dos plantexamentos claves da directiva desta entidade do Carballiño.

Te puede interesar