CELANOVA

Un itinerario cultural europeo xirará en torno a San Rosendo

celanova
photo_camera Asistentes á primeira reunión de traballo celebrada este luns en Celanova. (C.P.)
Representantes de Celanova, Bande, Verea e Santo Tirso mantiveron unha reunión de traballo

Celanova, Bande, Verea e a localidade portuguesa de Santo Tirso apostan por un itinerario cultural europeo arredor da figura e do legado de San Rosendo. Así o acordaron durante a primeira reunión de traballo centrada en poñer en común o proxecto base, no que en vindeiras datas tratará de incorporar a tódolos concellos que se enmarcan no itinerario que comunica Santo Tirso, Celanova e San Martiño de Mondoñedo, todos eles lugares simbólicos na vida do santo. 

Esta iniciativa desenvolverase de xeito paralelo á reivindicación do tramo entre Braga e Ourense como ramal do Camiño de Santiago. Nesta primeira reunión procedeuse á creación dun grupo de traballo formado polo arqueólogo da Cámara Municipal de Santo Tirso, Álvaro Moreira; a técnica do gabinete de Turismo do municipio luso, Manuela Dinis; o técnico de Cultura do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro; a técnica de Turismo do Concello de Bande, Manuela Vázquez; o promotor do camiño natural de San Rosendo, Xosé Benito Reza, e o arqueólogo Eduardo Breogán Nieto. 

O equipo conformado durante a reunión de onte agarda realizar a primeira reunión formal de traballo a comezos de setembro en Santo Tirso coa fin de desenvolver un documento base para presentarlle ó resto dos concellos que poderán formar parte do itinerario cultural. O obxectivo pasará tamén por convocar ás institucións que integran o mapa do proxecto para asinar un documento de colaboración o 1 de marzo, co gallo do día de San Rosendo, que permita realizar unha proposta formal en Europa. Esta iniciativa iniciarase coa solicitude de declaración de vía cultural segundo a disposición da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia ante a Xunta, como paso previo para a tramitación do proxecto a nivel europeo como itinerario cultural europeo, unha denominación que o convertiría no primeiro desta categoría ligado por un camiño físico e xeográfico.


O primeiro peregrino a Santiago


No encontro, os presentes repasaron tamén a documentación que foron recollendo neste tempo para acreditar a inclusión do Camiño de San Rosendo como ramal do Camiño de Santiago. Entre eles, falaron dun escrito do século IX que recolle a viaxe do primeiro peregrino a Compostela durante a Traslación do corpo do Apóstolo e que o relaciona cun antepasado do propio San Rosendo, Hermenegildo Guterres. Trátase dunha figura trascendental na propia biografía do santo celanovés, dado que a súa importancia creceu a raíz da conquista de Coimbra para o rei Alonso III, O Magno. Con motivo de tal conquista, o rei, xunto cos señores que o apoiaron incluído o pai de San Rosendo, decidiron peregrinar a Compostela para agradecerlle a victoria. Deste xeito, o itinerario cultural suporá a  constitución dunha rede de comunicación, non só entre os concellos polos que transcorre o camiño, senón por outros lugares relacionados coa biografía de San Rosendo, como Guimarães, Iria Flavia ou Lugo, entre outros.

Te puede interesar