Opinión

"Jesuchristian" Escuredo

Aínda que nos comunicamos a miúdo polas redes, había algún tempo que non falaba con Christian Escuredo, ao que lle sigo os seus periplos vacacionais a través de Instagram, sexa por terras islandesas ou sexa, como foi o caso deste ano, por Terra Santa a través de Palestina e Israel. Claro, eu imaxinándome que estaba  viaxando por pracer despois das rodaxes, entre as que subliño expresamente "Fariña", serie que nos enganchou a todos e que actualmente está sendo seguida con gran éxito en máis de cen países a través de Netflix, e onde o amigo do Barco de Valdeorras ofrece unha das esceas máis subidas de tono. Nun aparte da conversa que mantivemos hai uns días pregunteille canto tardaran en rodar esa escea de cama, e confesoume que ademáis de ser o primeiro que rodaba da serie levoulle un par de horiñas. Cousas da ficción.

Pois chamei a este meu amigo, ao que sempre recordarei nos seus inicios cantando en "Supermartes" e coa idea moi clara de triunfar e de traballar sen descanso para conseguir os seus obxectivos, e transmitinlle a miña ledicia porque abofé que o está conseguindo, porque se o seu premiado traballo en "Priscilla" consoliduno como o gran actor que é, absolutamente versátil e de grandes recursos, o papel protagonista que vai encarnar agora é desas cousas que deixan pegada para o resto da vida. Nada máis nin nada menos que darlle vida a "Xesús" en "33 El Musical", unha obra que se vai estrear o día 22 de novembro nun inmenso espazo creado para tal fin na capital do Reino, con recursos escénicos soamente aptos para as grandes obras de Broadway e Londres. Esta é unha superproducción absolutamente española, cun equipo de luxo e cun elenco saído en boa medida doutros musicais e de exitosos programas de televisión como "OT" ou "La Voz". Neste sentido sempre me encanta cando nas entrevistas o noso Christian non dubida nin un segundo en agradecer a TVG todo o que o apoiou nos seus inicios e o segue facendo. 

Cóntame tamén que, como sempre, está traballando moi duro, con sete horas de ensaio diario de luns a sábado, nun proceso concienciudo de interiorización dun papel de tanta relevancia que, tanto crentes como ateos, mirarán con lupa, como no seu día se fixera con "Jesucristo Superstar", onde Camilo Sesto e Ángela Carrasco se consagraran no ano 75.

Na súa viaxe a Israel e Palestina deste pasado mes de maio quixo empaparse do traballo de historiadores, arqueólogos e profesores de arte para ter unha información o máis ampla posible, con guías especialistas que o levaron por todas as localizacións bíblicas.

Fálame da gran responsabilidade que lle supón este enorme papel, dos impresionantes medios cos que vai contar, do espectacular espazo creado para dar cabida a máis de mil espectadores, e do que suporá ofrecer a visión dun Xesús moi alegre, optimista, aínda que sabendo o seu final, nunha loita incansable pola xustiza e cunha enorme dose de amor. Cando me expresaba estas palabras na conversa teño que dicirlles que Christian emocionábase.

Imaxino que este verán na piscina da súa casa do Barco daríalle mil voltas a como afrontar este gran reto que vai supoñer un antes e un despois na súa vida profesional. Nós desde estas súas terras desexámoslle todo o éxito do mundo e non dubidamos que cando vaiamos velo, que iremos, deixaranos impactados.

Te puede interesar