politica

Pérez Valado: “o que podo aportar, como empresario, é tempo e perseverancia"

perez valado
photo_camera Pérez Valado, no seu despacho. (C.P.)

O nacionalista José Antonio Pérez Valado ocupa a alcaldía de Verea tras 15 anos de goberno popular

Tras 15 anos de goberno popular, o Concello de Verea inicia un mandato nacionalista liderado por José Antonio Pérez Valado e co apoio do concelleiro do Partido Socialista, Manuel Benito. 

Leva 20 anos na vida municipal. Cambia a perspectiva do Concello dende esta nova posición?

Si. Estando na oposición entéraste daquilo do que che deixaban enterarte. Aí están os arquivos para solicitar e ver, pero día a día, as decisións tómanse no equipo de goberno e na oposición estás máis que nada fiscalizando as decisións.

Cales son as urxencias que presenta agora mesmo Verea?

Unha sería combater o despoboamento, algo que é moi difícil e unha tarefa que non depende só do Concello, senón da colaboración con outras administracións. Hai que cambiar certos hábitos e traballar para que a xente siga crendo no rural. Hai algunhas explotacións que teñen moitísimo mérito porque axudan a asentar poboación, pero cremos que se precisan outro tipo de políticas. Temos que ter en conta que Verea é un concello privilexiado, a 25 minutos de Ourense por autovía, e temos que aproveitalo. Agora de urxencia hai que salvar os pobos do lume, limpando os perímetros, e buscarlle mobilidade á xente. Cremos que dalgunha maneira hai que subvencionar a mobilidade no interior do Concello. Somos conscientes de que non podemos inventar unha liña a Ourense, pero si que os traslade á farmacia, ó concello ou ó centro de saúde, que son prioridades do día a día. Estamos xa buscando como facelo. 

A súa faceta profesional de empresario, que lle pode aportar á función como alcalde?

Creo que o máis importante son as ganas. Cando montei a empresa púxenlle moitísimas ganas e non me saíron as cousas mal de todo. Isto creo que é igual. Falo sempre en nome dun equipo de goberno no que somos catro. Témonos sentado e os catro estamos ilusionadísimos. Creo que a prioridade é ter ganas de traballar, estar ilusionados e crer en que se poden facer as cousas. Evidentemente, acabamos de chegar. O que eu lle podo aportar dende o punto de vista de pequeno empresario é traballo, tempo e perseverancia. 

Hai boa comunicación co PSOE? 

Iso témolo clarísimo e senón non o fariamos. O primeiro que fixemos foi botar para atrás as siglas e pensar que somos catro compañeiros en circunstancias idénticas nas que nin interesa saber de que partido somos. Somos catro persoas de Verea que queremos traballar por Verea, que estamos cohesionados e dispostos a traballar xuntos.

Te puede interesar