ENTREVISTA

José Araújo: “Agora toca a calidade do servizo de limpeza, faise un bo traballo, pero todo é mellorable"

OURENSE. 22.06.2017 CONCELLO DE OURENSE, PEPE ARAUJO, PORTAVOZ. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera O concelleiro de Limpeza, José Araújo.

O responsable da Concellería de Limpeza e voceiro do goberno municipal, José Araújo, respira aliviado coa solución ó conflito laboral en Ecourense que evita a folga a partir do luns, decisión que refrendaron en asamblea onte os traballadores

José Araújo destaca a predisposición das partes e recoñece que, agora, toca "mellorar o servizo".

Cómo se sinte? Alivio é a palabra? 

Gustoume moito a forma na que levaron a negociación tanto os traballadores como a empresa. Agora temos que aprender e mellorar a calidade do servizo, do que non se falou, estamos esperanzados en que vaia diferente. Si que é un alivio, unha folga sempre é moi fastidiada.

Entende que chegasen a esa ameaza? 

Entendo a súa molestia porque levaban dous anos pelexando por un convenio.

O goberno tiña que actuar antes?

O que fixemos sempre foi tratar o tema por separado, nunca en conxunto. A folga non se convocou ata fai uns días, era unha relación laboral.

Coñecía entón as queixas?

Houbo varias reunións nas que os traballadores amosaron incomodidades, pero nunca houbo ese plantexamento de folga. Nós subcontratamos un servizo para que sexa xestionado.

Non é o primeiro problema con algunha concesión. Recordo a da limpeza de colexios, a das dependencias municipais.

Cada unha é un mundo, non ten que ver un conflicto co outro. Nesta última fálase do IPC, que non debería ser discutible. Noutros casos houbo folgas porque concesionarias entraron en suspensión de pagos, nós pagábamos pero o diñeiro non chegaba ós traballadores. Aquí teñen condicións dignas e pretendían melloralas.

O Concello está facendo un bo traballo de control?

Faise un bo traballo e, aínda así, todo é mellorable. tocounos bailar coa máis fea, levamos dous anos de goberno e encontramos todas as concesións caducadas ou a punto, poñer orde en tanto desorde supón un esforzo tremendo.

Temos unha cidade limpa?

Mellorou, pero ten que facelo moito máis. Atopamos unha situación na que a relación entre empresa e Concello era moi mala, había obrigacións que tiña que ter adoptado a administración e non o fixo.

Pero vaise solucionar?

Si, queremos solucionar todo, entraremos na esixencia da calidade do servizo. Agora mesmo a empresa non fai determinadas cousas porque non llas pagamos, xa que a relación administrativa é mala, temos que encontrar unha fórmula para regularizar a situación. Se todo vai ben, sairá adiante pronto.

Pode concretar que se fará?

Hai que aprobar un plan de traballo, que vale de modelo para o ano seguinte, algo que ata agora nunca se fixo. Polo tanto, todos os vicios do servizo se acumulaban e non se melloraban. Contemplaremos as variacións, cousas que hai que facer en cada servizo.

O perímetro rural concentra moitas queixas e ata xudicializaron o asunto.

Estase dando forma a esa cuestión. No comezo do contrato, xeráronse expectativas que despois eran só iso, nunca realidades. É lexítimo esa denuncia e se pronunciará a xustiza. Insisto en que queremos ordenar a situación e para iso hai que pagar á empresa, porque lle estamos descontando 150.000-170.000 euros cada mes por servizos non prestados.

A empresa entende ese recorte?

Evidentemente non, pero hai razóns que provocan iso.

Entran os colectores soterrados nesa mellora?

Agora mesmo están para enviar a contratación, é unha parte dese orde que queremos implantar. Está pendente do xefe de servizo para que vaia a contratación, este ano debería estar contratada a obra. Esperemos que nun mes estea preparado, pero sempre hai que ser prudente.

Está satisfeito coa solución elixida para esta infraestructura?

Si, poremos en valor o que existe e que funcionou durante moitos anos. Evitaremos duplicidades. 

Te puede interesar