ENTREVISTA

José Ramón Justo:“Calidade é un produto que o consumidor busca porque satisface as súas necesidades"

29.01.16.COLES.MONTE FIZ.CENTRO DE RECURSOS ZOOXENETICOS.JOSE RAMON JUSTO SECRETARIO XERAL DE FEDEPARES.
photo_camera José Ramón Justo Feijóo.

El secretario xeral de Federapes y director de Boaga, destaca el valor fundamental de las razas autóctonas gallegas

 Federapes é unha federación de asociacións de criadores de razas autóctonas, fundada sen ánimo de lucro no ano 2006 por 18 asociacións oficiais españolas de criadores de especies domésticas catalogadas en perigo de extinción. No 2009, ampliou o seu campo de acción a tódalas razas autóctonas do país. O obxetivo é protexer e promover estas razas e, quizais, unha das especies con maior risco de desaparición, o propio gandeiro. O ourensán José Ramón Justo é o seu secretario xeral. Tamén e o director de Boaga, a Federación de Razas Autóctonas de Galicia.

A Política Agraria Común da Unión Europea esixe que as parcelas estean identificadas co nome do propietario e o réxime que se explota. Supón un obstáculo para o sector?
Supón unha barbaridade e así llo transmitimos á Consellería e administracións pertinentes. Parece ser que haberá unha reforma para que non sexa obrigatorio a identificación en parcelas inferiores en dúas hectáreas. Deste xeito, estábase expondo a viabilidade de moitas explotacións con moitas fincas de menos de dúas hectáreas, sobre todo na provincia de Ourense. Aquí en Galicia, co minifundismo que temos, a medida, de seguir así, podía supoñer un desastre.

Pode que pase o futuro do sector pola comercialización sen intermediarios?
Si, claro. É unha opción. Eu aposto por non pechar portas a nada. Calquera persoa que teña un negocio ten que ter as vías de venta o máis abertas posible. Se ten vía de venta directa, perfecto. Se a ten a través de internet, tamén. Unha das vías importantes para diminuir costes e presentar un produto cun prezo adecuado é eliminar intermediarios, pero tamén conleva máis traballo. Cando o gandeiro se encarga desa parte, da que nunca se encargou, ese beneficio é para el. De feito, a Unión Europea vai por ese camiño, aínda que non se pode xeralizar, hai mercado para todo. Na miña opinión, as razas autóctonas teñen un campo aí, na relación directa productor-consumidor.

Cal é a incidencia das razas autóctonas nos programas de desenvolvemento rural?
A importancia para as razas autóctonas é fundamental. De feito, a base da maioría das que están en perigo de extinción son as axudas agroambientais. Espero que esta liña de axudas se siga mantendo e potenciando como se fixo ó longo destes anos. A Administración vai ser sensible neste tema porque é moi importante para os gandeiros e para todos. Se desaparece este apoio, corremos o grave risco de que desaparezan os criadores e os animais.

E para os gandeiros, son as razas autóctonas un valor engadido na súa economía?
Si, pero o que pasa é que temos que demostrar que é un valor engadido. Eu sempre entendo que un animal dunha raza é un medio de produción e así está definido. É unha maquinaria que ten o gandeiro para poder desenvolver unha actividade dentro do seu sector. Entón, dependendo de onde esté situada a explotación, o gandeiro elixe unha raza ou outra. É un medio que se ten que poñer en mans dos gandeiros para que poidan vivir dese animal. E claro, algún pódese diferenciar. Unha persoa pode diferenciarse doutra porque en vez de ter unha gandería con vacas de todos os tipos ten unha raza determinada, sexa cal sexa.

Sabemos vendernos fóra das nosas fronteiras?
Non, pero non sabemos nin os galegos nin o resto dos españois. Quizais non temos esa capacidade a pesar dos bos produtos que temos, pero é culpa de todos. Tan so saber que é de Galicia xa é un punto moi grande a nivel de alimentación. O que pasa é que ese nome de Galicia non o podemos mancillar por nada do mundo. Hai que seguir potenciándoo ofrecendo a mellor das calidades e facendo as cousas ben. Cando unha persoa compra un produto e se sinte satisfeita con el, volve mercalo. Esa é a miña definición de calidade: aquel produto que o consumidor anda buscando porque satisface as súas necesidades, sexa carne das nosas razas ou calquera produto galego.

Respecto da carne, perdeu forza respecto ó produto convencional pola crise económica?
Todo baixou. Todos nos tivemos que adaptar ás novas situacións, incluidos os gandeiros. O que pasa é que temos a manía de comer todos os días. Todo o mundo reduciu en compras pero comer temos que comer. O bo da carne é que un kilo, con arroz ou con pasta, dá para alimentar a unha familia. Eso mantívose e o mercado continuou demandando carne, independentemente da peza.

O camiño foi longo, que se espera do futuro para o mantemento destas razas?
Pódese dicir que o enfermo está en tratamento e esperamos que non sexa crónico. Agardamos que o día de mañá salgan deste perigo de extinción porque hai demanda de produtos de calidade. É moi difícil estar cun rabaño no monte e xa que aínda hai xente que aínda vive neso, todos debemos aportar un grao de area. Temos a maior riqueza xenética por metro cuadrado de Europa. Ourense ten cinco razas autóctonas orixinarias da provincia, creadas por gandeiros que tiveron que adaptar os animais que tiñan na casa ás súas necesidades. Temos un patrimonio xenético polo menos tan importante coma calquera outro tipo de patrimonio histórico . Alguén o tiña que dicir e, por suposto, hai que estar orgullosos.

Te puede interesar